Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello reúnese con responsables do aparcadoiro soterrado para acadar melloras na prestación do servizo

Digna Rivas salienta que a empresa concesionaria “está a cumprir coas cláusulas da concesión”


Revisar o grao de cumprimento das cláusulas da concesión e acadar melloras na prestación do servizo aos usuarios do parking da Xunqueira, foron os temas tratados, esta pasada semana, na reunión mantida na Alcaldía de Redondela pola alcaldesa, Digna Rivas, e representantes da empresa Estacionamiento Redondela S.L.

Nun dos puntos que máis preocupa aos usuarios e usuarias, como é o da atención presencial na franxa horaria de 23 h a 7 horas, Digna Rivas subliñou que a empresa “cumpre coas cláusulas da concesión” xa que nelas sinálase que o aparcadoiro deberá prestar servizo de 24 horas “pero en ningún lugar figura que teña que ser presencial polo que, cumprindo as condicións pactadas, pode realizarse por medios automatizados”.

En todo caso a alcaldesa acadou o compromiso de que “mentres non se instalen sistemas automatizados a proba de fallos, que garantan a utilización do aparcadoiro por parte das persoas usuarias as 24 horas, a franxa horaria entre as 23 horas de 07 horas, contará con persoal para atender o servizo”.

A alcaldesa de Redondela que agradeceu “a boa disposición da empresa concesionaria en atender as demandas do Concello” aproveitou para deixar patente a súa sorpresa polas críticas vertidas polo Partido Popular nas que afirmaba gratuítamente que o Goberno local non esixira á empresa o cumprimento das cláusulas de concesión. Digna Rivas lembroulles que “as anteditas cláusulas teñen xa bastantes anos polo que, se o servizo era ao seu entender “cuestionable”, tiveron oito anos para poñerlle remedio”, recalcou.