Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello pide á Xunta unha rectificación das declaracións nas que culpa ao Goberno local de “non interesarse” polo convenio para a reforma da Avenida Mendiño

O Concello de Redondela pedirá, a través dunha moción presentada polo Grupo Muncipal Socialista, que “a Xunta de Galicia proceda a desmentir as afirmacións escritas nas súas misivas acusando a este Goberno de non interesarse nin realizar os trámites necesarios” para continuar coa sinatura do convenio de reforma da Avenida Mendiño.

O Concello que preside Digna Rivas, considera “insultante” que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, respondendo a unha pregunta formulada polo Grupo Parlamentario Socialista sobre esta obra, afirme publicamente, que o Concello de Redondela non procedeu a remitir a retención de crédito precisa, “un trámite debidamente realizado, enviado e recibido pola Consellería hai máis de seis meses”, afirma con rotundidade a alcaldesa de Redondela.

Dende a chegada ao Concello, o grupo de Goberno interesouse de forma inmediata da situación dunha obra que, segundo recolle a prensa, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade “presentara en Redondela –infografías incluídas– acompañada do exalcalde do PP nas vésperas das eleccións municipais e asegurando que o proxecto xa estaba redactado e as obras sería contratadas ese mesmo verán”.

O interese do novo Goberno de coñecer a situación do procedemento viña dada porque, unha vez no Concello, o executivo entrante “constatou a inexistencia de ningún tipo de documentación nesta administración local sobre dita obra”, aclara a alcaldesa Digna Rivas.

A partir dese momento, comezan os envíos continuos de oficios dende o Concello á Xunta de Galicia, reiterando información sen que se dera contestación por parte da administración autonómica.

O 1 de marzo do 2020, a prensa publica unha noticia na que a Xunta aseguraba ter rematada a redacción do proxecto e, nesa mesma nova, a alcaldesa manifestaba a súa molestia por ter que coñecer a noticia a través dos medios de comunicación. Dous días despois, o 3 de marzo, remítese un novo oficio á Consellería, logo de ter coñecido pola prensa os avances do procedemento.

Curiosamente, apunta a alcaldesa de Redondela, a Xunta segue a manter silencio e ao día seguinte, o exalcalde do PP publica nas súas redes sociais “a proposta da Axencia Galega de Infraestruturas de aprobar o proxecto construtivo” feito que segundo Digna Rivas, deixaba clara e sen discusión “a absoluta falta de respecto institucional da Xunta que trasladaba un expediente administrativo ao exalcalde do PP e, porén, non procedía a dar traslado do mesmo á administración interesada, o Concello de Redondela”.

A partir de aí, as comunicacións á Consellería por parte do Concello son continuas, interesandose pola situación dun Convenio do que o Concello de Redondela aceptaba todas e cada unha das condicións que a Xunta enviaba, “incluída a retención de crédito na que se variaban as cantidades que, respecto ao borrador inicial, tería que achegar o Concello”, aclara Digna Rivas.

Co fin de deixar clara a postura e compromiso do Goberno local, o 20 de novembro, despois de meses de oficios remitidos á Xunta moitos deles sen contestación de ningún tipo, o Concello remite á Xunta “a retención de crédito emitida pola intervención municipal”.

A contestación da conselleira á pregunta do Grupo Parlamentario Socialista que o Goberno local non emitira a retención de crédito “que eles tiñan no seu poder dende hai mais de seis meses, é un insulto intolerable en calquera circunstancia, pero máis se quen o fai é a administración autonómica”.

No seu afán culpar ao Goberno local de feitos tan falsos como infundados –asegura Digna Rivas– a consellería chega a asegurar que non poden garantir a existencia de crédito para realizar as obras previstas “debido ao contexto da actual crise sanitaria”. “É dicir, piden que fagamos unha retención de crédito e, cando a facemos, resulta que é a propia Xunta de Galicia a que non pode cumprir as condicións que a nós nos esixía”, di a alcaldesa.

Para o Goberno redondelán, queda claro que a actitude da Xunta en todo este proceso “está moi ao marxe do que debe ser unha relación interadministrativa e que as continuas faltas de respecto  ou os continuos desplantes realizados á Alcaldía, non son máis que unha mostra do partidismo dunha Xunta de Galicia que boicotea, sistemáticamente, ao Concello de Redondela”.

En todo caso, o Goberno local chama a atención sobre “o silencio cómplice” do PP de Redondela que “que logo de esixir que o Concello cumprira os trámites, cando se decatou que a culpa era dos seus compañeiros en Santiago, mira para outro lado”.

O Concello de Redondela lémbralle á Xunta que é “a administración autonómica e que, como tal, ten que actuar de forma obxectiva amosando o respecto institucional que merecen todos os concellos, independentemente da súa cor política”.