16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Concello de Redondela recupera e pon en valor a contorna do...

    O Concello de Redondela recupera e pon en valor a contorna do Multiúsos da Xunqueira

    O informe técnico salienta o “non adecuado estado de conservación” da parte traseira, lugar habitual de reunión da adolescencia, que será dotada dunha luminaria central e mobiliario urbano con puntos de recarga para dispositivos móbiles

    O Concello vén de iniciar os traballos de recuperación e posta en valor da contorna do Multiúsos da Xunqueira, co fin de que este inmoble, ao redor do que xira gran parte da vida cultural de Redondela, poida contar cunha contorna máis adecuada. Cómpre salientar que a parte que linda co río é tradicionalmente zona de reunión da adolescencia do municipio “polo que era preciso ofrecerlles un lugar máis axeitado para o ocio e a socialización”.

    Precisamente esa zona lindante co río está composta por un solo de xabre e vexetación ornamental que, ao mesmo tempo, funciona como delimitación de subzonas como o paseo e prazas. Actualmente o estado de deterioro é máis que evidente e no propio informe técnico do proxecto sinálase que “o mantemento non é adecuado xa que o pavimento vese deteriorado, con faltas de xabre e na súa totalidade esténdese o crecemento incontrolado de herba”.

    A actuación que se está a realizar permitirá, polo tanto, transformar unha zona infrautilizada nun lugar máis ‘amable’, gañando un novo espazo público para desfrute da cidadanía e en sintonía coa contorna na que se atopa.

    Para iso, os traballos inclúen o aporte de xabre, terras e nivelación, compactado da superficie para, posteriormente dotar á zona dun piso de pavimento en formigón pulido, nunha parte e noutra dotala de céspede.

    Unha vez rematados estes primeiros traballos, desenvolveranse todos os de xardinería e os encamiñados a dotar de mobiliario urbano o espazo con muros de fábrica de bloque de formigón e taboleiro cerámico revestido e, os asentos, rematados con madeira.

    A maiores, e dado que se trata dun espazo especialmente utilizado pola mocidade, os bancos contarán con puntos de recarga para os dispositivos móbiles e a zona estará dotada de rede wifi.

    Para maior aproveitamento do espazo, será dotado dunha grande luminaria para un correcto alumeado da zona. Finalmente, o proxecto inclúe a reparación das escaleiras do multiúsos e a reparación e mellora da recollida de augas pluviais.

    “Non se trata dun ‘lavado de cara”, sinalou a alcaldesa Digna Rivas, “senón dunha obra pensada e realizada para recuperar outra zona céntrica de Redondela, utilizada pola veciñanza e sobre todo pola adolescencia”. A alcaldesa redondelá lembra que, a maiores, todo o espazo é “perfectamente visible dende a outra beira do río, tanto a pé como en coche, e ofrecía un lamentable aspecto de abandono”.

    Rivas asegurou que, como todas as actuacións que desenvolve o Concello, “está estudada e deseñada para que sexa totalmente accesible” e, nese sentido engade a rexedora redondelá, “a pavimentación e o mobiliario colócanse nunha zona sen desnivel e que posúe accesos de máis de 80 centímetros, espazos horizontais de xiro de 1,5 metros de diámetro no mesmo e que cumple con todas as distancias e normativas aplicables”.

    Finalmente, Digna Rivas fixo fincapé en que esta obra de recuperación e posta en valor da contorna do Multiúsos da Xunqueira, que se realiza a través do Plan Concellos 2019, “non é unha actuación illada, senón que responde a un plan global posto en marcha polo Goberno local, para recuperar espazos públicos para a cidadanía”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.