Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Redondela recibe unha axuda da Deputación de Pontevedra para continuar co proxecto de Toponimia

O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, dependente da Concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, vén de conseguir unha axuda da Deputación de Pontevedra para continuar co proxecto de toponimia que viña desenvolvendo. Por segundo ano consecutivo, o Concello redondelán mantén a súa aposta pola recuperación, difusión e divulgación da microtoponimia como garantía de conservación pero tamén para a súa posta en valor como patrimonio inmaterial do pobo galego. Desta vez o SNL recibirá unha axuda polo importe de 3317,34€.

Cómpre lembrar que, dende a súa chegada ao Concello, o Goberno socialista mantén unha firme aposta non só pola recuperación da microtoponimia do municipio para evitar que caia no esquecemento, senón tamén para a súa difusión e divulgación e, dentro desas iniciativas, o SNL puxo en marcha unha web de toponimia (toponimia.rendondela.gal), unha páxina que ten elementos diferenciadores con outras páxinas similares como é que cada microtopónimo vai acompañado da correspondente explicación sobre a orixe do mesmo.

Digna Rivas subliñou a importancia de recoller toda a toponimia “aínda viva na veciñanza ante o perigo inminente de perda” e nese sentido agradeceu “o apoio incondicional da Deputación de Pontevedra que, dende o comezo, prestou a este proxecto”.