O pleno da corporación de Redondela aprobou onte o regulamento municipal de voluntariado, normativa necesaria para poñer en marcha o Plan Municipal de Voluntariado. A concelleira, Pilar Martínez, explica que este programa ten por obxectivo “concienciar á cidadanía na importancia de colaborar en accións de voluntariado para conseguir unha sociedade máis xusta e solidaria”. Para iso é necesario que desde o Concello, como administración máis próxima, “se informe sobre que é o voluntariado e as vías de participación que existen”, sinala a edil. A partires de agora desde o goberno local promoverase o voluntariado con campañas informativas e charlas que fomenten a participación da cidadanía no tecido asociativo. O Concello achegará á veciñanza todas as vías de participación voluntaria “de forma que cada persoa poida actuar no ámbito da súa preferencia”. Poderán facer voluntariados todas as persoas maiores de idade, e as menores a partir dos 16 anos autorizadas polos pais, nais ou titores.
O abano de actividades que pode abarcar o voluntariado é moi amplo: de acción social, de carácter sociosanitario, dereitos humanos, da infancia, das persoas con discapacidade, igualdade de xénero, educativas, loita contra a pobreza e a exclusión social, culturais, de ecoloxía, científicas, protección civil, deportivas ou de lecer e tempo libre entre outras moitas. Pilar Martínez pon o foco especialmente nas persoas maiores “especialmente as que viven soas, porque o labor do voluntariado pode xogar un papel moi positivo”. Con todo, advirte que “non se trata de suplir a labor dos traballadores e traballadoras” senón de “complementar” as funcións dos profesionais con outro tipo de actividades de ocio ou acompañamento por parte do voluntariado.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que o Plan Municipal de Voluntariado inclúe a creación dunha bolsa de voluntariado que permitirá poñer en contacto ás persoas que se ofrezan a prestar o seu traballo voluntario coas entidades presentes no municipio que o soliciten “co obxectivo de ofrecer aos cidadáns e ás entidades os perfís que máis se adecúen tanto á demanda da persoas voluntarias, como ás características e necesidades das entidades”.
O regulamento presentado pola concelleira socialista Pilar Martínez foi aprobado na sesión plenaria celebrada onte cos votos a favor do PSdG, AER e o PP, cos votos en contra do BNG. Ábrese agora o proceso para tramitar este regulamento, que se someterá a exposición pública para que os interesados poidan presentar as suxestións que estimen oportunas. O regulamento definitivo publicarse no taboleiro de anuncios Concello e no Boletín Oficial da Provincia, así como na páxina web municipal.