Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Redondela organiza diversos actos para celebrar o Día de Galicia

O acto institucional a celebrar na Alameda Castelao e o concerto de Guadi Galego, centrarán as actividades da xornada festiva

O Concello de Redondela celebrará, este vindeiro sábado 25 de xullo, diversos actos conmemorativos do Día de Galicia e no que, o tradicional concerto, correrá a cargo da recoñecida e premiada cantante Guadi Galego.

Precisamente, “polo seu compromiso coas mulleres, a cutura e o idioma galego” a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, recibirá á cantante na Casa do Concello onde Guadi Galego será convidada a deixar escritas unhas palabras no Libro de Honra do Concello redondelán.

Rivas subliño que “Guadi ten demostrado sempre un gran amor pola cultura galega e unha implicación decidida na loita feminsta”. Por iso, dende o Concello de Redondela, quérese “recoñecer ese traballo e trasladarlle a nosa forza para que acade máis éxito no futuro porque serán, en definitiva, éxitos para Galicia”.

O acto institucional comezará ás 21 horas na Alameda de Castelao, a carón do palco da música, onde nenos e nenas de Redondela tomará a palabra para falar sobre a Xeración Nós da que, este ano, se celebra o centenario.

Posteriormente tomarán a palabra o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa e a alcaldesa Digna Rivas para rematar o acto co izado da bandeira de Galicia que ondeará, dende ese día, na Alameda redondelá.

A xornada rematará co concerto que Guadi Galego ofrecerá no Campo da Feira a partir das 22 horas, unha cita que a cantante aproveitará para presentar o seu último traballo.