Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Redondela lembra a prohibición de realizar fogueiras de San Xoán en todo o municipio

O Goberno local salienta que as concentracións humanas son un dos principais focos de contaxio da COVID-19

O Concello de Redondela vén de lembrar a prohibición de realizar fogueiras de San Xoán en todo o termo municipal. O Goberno local considera que ao longo desta crise sanitaria “quedou demostrado que as concentracións humanas son un dos principais focos de contaxio”.

Nese sentido, a Concellería de Medio Ambiente sinala que, por definición as fogueiras de San Xoán son, por definición, “un evento para o encontro e a celebración presidida pola espontaneidade e o carácter festivo” polo que “as medidas de seguridade que farían falta para diminuír os niveis de risco acabarían por desvirtuar a celebración e conlevarían un emprego de recursos públicos e privados maior do que sería razoable”.

Doutra banda lembra o Concello de Redondela que o sábado 13 de xuño de 2020 publicáronse senllas Resolucións das secretarías xerais técnicas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Sanidade nas que a Xunta de Galicia determina que “o restablecemento dos eventos populares só se poderá permitir a partir do 1 de xullo e sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconselle”.

Por todos estes motivos o Concello redondelán acordou “non autorizar para o presente ano as tradicionais fogueiras de San Xoán no termo municipal de Redondela que non poderán celebrarse na noite correspondente pero tampouco en outros días alternativos”.