Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Redondela inicia as obras de mellora da estrada de San Vicente de Trasmañó

Os traballos contan cun investimento de 68. 862,12 euros (IVE incluído) e permitirán a mellora do firme e servizos básicos

O Concello de Redondela vén de dar inicio ás obras de acondicionamento e mellora da estrada de San Vicente de Trasmañó. As obras, incluídas, dentro do Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, contarán cun investimento de 68.862,12 euros (IVE incluído), dos que a Xunta de Galicia achega, a través do Agader, 38.882 euros.

Os traballos inclúen a mellora do firme con 2.826 metros cadrados de pavimentación asfáltica e o correspondente recalce de 21 tapas e 26 sumidoiros. Así mesmo, procederase ao estendido de 408 metros lineais de canalizacións de PVC para drenaxe e completaranse co correspondente marcado da sinalización horizontal.

Tanto a alcaldesa Digna Rivas coma o concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas, destacaron a importancia desta actuación “que da solución á veciñanza que tiña que desprazarse por unha estrada nun lamentable estado de conservación e que puña en risco a seguridade tanto de peóns como de vehículos”.

A alcaldesa redondelá fixo especial fincapé na necesidade “de contar cunha rede viaria interna en condicións tanto para os desprazamentos dentro da parroquia como de comunicación cos demais puntos do municipio” xa que, engadiu, “son un elemento de extraordinaria importancia para a cohesión territorial de Redondela”.