Domingo, 4 Maio de 2025

O concello de Redondela inaugura o panel dedicado a Pier Maria Baldi na Alameda Castelao

O panel, realizado en 1669, retrata a vista da vila varios séculos atrás

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, inauguraron o panel dedicado a Pier Maria Baldi. Situado na Alameda de Castelao, o panel reproduce a acuarela que Baldi debuxou en 1669 ao seu paso por Redondela e, por tanto, retrata a vista da vila varios séculos atrás.

Na imaxe distínguense algunhas construcións e elementos como o campanario da Igrexa de Santiago. Á vista deste panel, veciñas e veciños poderán comprobar os cambios acaecidos no urbanismo local ao longo dos séculos.

A reprodución da acuarela fíxose grazas á xenerosa colaboración da Biblioteca ‘Medicea Laurenziana’, de Florencia, e á iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela.

Este panel completa a publicación no ano 2019, a cargo do Concello de Redondela, do libro de Manuel Puga dedicado precisamente ao paso de Baldi por Galicia e, en concreto, por Redondela.

Digna Rivas indicou que “facilitaremos o reparto dos exemplares que aínda temos no concello e que tiñamos pensado repartir durante o pasado curso escolar no contexto dunhas charlas nos institutos” e animou aos veciños e veciñas “a dedicarlle un minuto a este panel para coñecer o pasado da vila”.