16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Concello de Redondela inagura as obras de conservación e mantemento do...

    O Concello de Redondela inagura as obras de conservación e mantemento do cemiterio de Eidos

    A alcaldesa de Redondela, acompañada polo grupo de Goberno municipal, concelleiras e concelleiros da Corporación Municipal e veciñas e veciños de Redondela, inaugurou no serán de hoxe as obras de conservación e mantemento do Cemiterio de Eidos, un ben patrimonial de primeira orde que levaba anos “nun lamentable estado de abandono e deterioro”, sinalou a alcaldesa Digna Rivas.

    Nas súas palabras, a rexedora local asegurou que a recuperación deste espazo “supón a posta en valor dun ben patrimonial do municipio que, como tal, forma parte inseparable da historia de Redondela”. Non se pode esquecer, dixo Rivas, “que este cemiterio cuxa construción remóntase aos anos 30 do século XIX, alberga tallas e panteóns de gran valor artístico e histórico de persoeiros ilustres da vida social, cultural e política do municipio, pero tamén acolle os restos de persoas represaliadas durante os escuros anos da Guerra Civil e a posguerra”.

    A alcaldesa de Redondela lembrou que a posta en valor do cemiterio dos Eidos, “era un dos compromisos que adquirimos coa veciñanza porque era, ao mesmo tempo, un recoñecemento a todos aqueles que aquí descansan e que contribuíron, de moi diversas maneiras, a construír a Redondela de hoxe”.

    Queda agora, concluía Digna Rivas, “traballar para que a recuperación deste cemiterio de Eidos non quede só nas obras que se realizaron, senón tamén en desenvolver iniciativas que contribúan á promoción da súa importancia histórica”.

    Nese sentido, a alcaldesa redondelá adiantou a realización de visitas guiadas que poñan en valor este camposanto ou a realización de exposicións sobre a historia do mesmo.

    Unha coidadosa recuperación

    O Goberno de Redondela, que iniciaba no mes de febreiro os traballos de conservación, mantemento e posta en valor do Cemiterio de Eidos, tras a súa adxudicación por importe de 207.014,42 euros e que contaron co financiamento do Fondo Europeo, a través do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020 e dentro da liña de actuación 22, destinada á Recuperación, rehabilitación e mellora do Patrimonio Histórico e cultural.

    Os traballos tiveron como finalidade poñer en valor este espazo a través dunha total rehabilitación do recinto con actuacións que se centraron en resolver as problemáticas apreciadas nos diferentes elementos que o configuran, dende os muros exteriores que o delimitan ata os pavimentos interiores, pasando por zonas axardinadas, peches, elementos ornamentais, instalacións e servizos urbanos, así como favorecer a accesibilidade universal mediante a realización de actuacións na súa totalidade.

    Dada a importancia histórica e patrimonial da actuación durante a realización das obras tívose especial coidado en seguir as recomendacións técnicas autorizadas dende Patrimonio cultural.

    O proxecto, foi redactado polo arquitecto Ángel Santorio quen exerceu as funcións de dirección de obra, obra que dilatouse lixeiramente debido as circunstancias especiais marcadas pola declaración estado de alarma provocado pola pandemia da COVID-19.

    A importancia histórica e cultural

    A importancia histórica e cultural deste camposanto construído na década dos anos 30 do século XIX, é indiscutible, motivo que fai incomprensible o estado de abandono ao que estivo sometido durante moitos anos.

    Alberga tallas e panteóns de gran valor histórico artístico, atopándose neste espazo os sepulcros do exalcalde Ramón Pardo Ferro, –cunha escultura que escenifica a fe con ollos vendados– ou o mausoleo do procurador Francisco Crespo Rivas, cunha columna coroada cunha grande pirámide deseñada en Arxentina.

    Pero o cemiterio dos Eidos garda tamén un gran valor no que atinxe a Memoria Histórica. Entre os seus muros atópase unha foxa común cos restos de 42 republicanos represaliados durante a Guerra Civil.

    Outro acontecemento bélico anterior, como é a Guerra da Independencia Española, tamén deixou pegada neste camposanto cunha tumba de John O’Dogherty, un dos heroes da batalla de Ponte Sampaio.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.