Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Redondela estenderá a limpeza viaria aos núcleos das parroquias

O Concello de Redondela vén de comunicar a súa intención de estender o servizo de limpeza viaria aos núcleos das parroquias do municipio. Así, este servizo que ata o de agora tiña restrinxida a súa actuación aos cascos urbanos de Redondela e Chapela, ampliará o seu ámbito de actuación ata os núcleos rurais.

A limpeza viaria nos centros neurálxicos parroquiais será efectuada de xeito rotatorio e periódico segundo un cuadrante no que xa traballa a concellería de Limpeza Viaria.

O feito de que a propia extensión do municipio faga imposible a limpeza viaria “lugar por lugar e barrio por barrio”, non é impedimento para que esa labor “poida realizarse, segundo un calendario previamente establecido, nos ‘centros’ das parroquias nos que diaria e habitualmente reúnense maior número de veciños e veciñas e que, polo tanto, deben gozar dunhas condicións de limpeza adecuadas”, sinalan a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Limpeza Viaria, Alberto Álvarez.

Esta será a primeira vez que se preste este servizo de limpeza viaria nos núcleos parroquiais, unha iniciativa que responde ao convencemento do Goberno local de que “as veciñas e veciños de Redondela deben poder gozar do mesmo nivel de servizos, independentemente do lugar onde teñan a súa residencia”.

As características particulares de dispersión poboacional que presenta o rural, non fai posible que os servizos se poidan prestar en idénticas condicións que nos núcleos urbanos –explica Digna Rivas– “pero iso non xustifica a súa ausencia”. Nese sentido a rexedora local deixou clara a intención do seu Goberno de “eliminar, na medida do posible, a fenda de servizos existente entre os núcleos rurais e os urbanos” porque, asegurou, “en Redondela non poden existir veciños e veciñas de primeira e segunda categoría”.