Venres, 2 Maio de 2025

O Concello de Redondela esixe unha resposta “as reiteradas peticións” de vacinar ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar

A alcaldesa denuncia o “desinterese” da administración sanitaria “que non considera a estas traballadoras como persoal esencial”

Tan só 17 traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Redondela (SAF), dun total de 50, recibiron a vacina contra a COVID-19, pese a exercer un labor no que, polas súas características, “poden ser contaxiadas ao mesmo tempo que poden ser fonte de contaxio”, sinalou a alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais, Digna Rivas.

A rexedora local cualificou de “absoluto desinterese” o amosado por Sanidade “ante as insistentes peticións que, dende o Goberno local, levamos formuladas sobre este delicado asunto”.

Non se pode esquecer que o Servizo de Axuda no Fogar presta un servizo “de capital importancia” a persoas maiores ou dependentes, que precisan de asistencia nos seus domicilios. “Trátase dun contacto directo no que é preciso extremar as precaucións dado que as usuarias e usuarios son, na súa maior parte, persoas maiores e polo tanto de grupo de risco”.

Ao mesmo tempo, sinala o Goberno local, as traballadoras “que cumpren a súa función cunha profesionalidade fora de toda dúbida” de non estar vacinadas corren o risco de contaxiarse e transmitilo logo ao seu entorno próximo laboral ou familiar.

O Goberno local non acerta a entender como, dende a administración sanitaria galega, fánse constantes chamamentos á prudencia e a colaboración dos concellos á hora de previr o avance da COVID-19 “e logo desatenden as máis medidas máis elementais como vacinar a aquel persoal que está en contacto directo con grupos de risco”.

Digna Rivas subliña que o feito que o persoal do SAF “non teña a consideración de persoal esencial e polo tanto, non estea incluído entre o que ten que recibir a vacina para desenvolver a súa labor con total seguridade” deixa en entredito os criterios que se seguen “á hora de decidir que traballadores e traballadoras entran nesa cualificación”.

A rexedora local espera que Sanidade “emende o seu erro e proceda a inmediata vacinación dunhas traballadoras que desenvolven un servizo esencial para a cidadanía”