Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Redondela continúa co seu programa de mellora de camiños no rural

As obras desenvolveranse no camiño de Outide (Cedeira), estrada de Ventosela (Reboreda) e Val do Muíño (O Viso)

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Vías e Obras que xestiona Vicente Lamas, continúa a desenvolver o programa de mellora dos camiños do rural, centrándose as actuacións en Cedeira, Reboreda e O Viso.

Así, no Camiño de Outide, en Cedeira, traballarase sobre a superficie de rodadura do camiño (de aglomerado) que se atopa en mal estado, polo que as obras contemplan un recrecido con mistura bituminosa en quente, para o que previamente haberá que preparar a superficie mediante fresado ou/e regularización.

A nova superficie contará cunha capa de rodadura de 6 cm de espesor á que se lle aplicará un rego para mellorar a súa adherencia e garantir a seguridade dos vehículos e peóns que circulen pola mesma. Amais se colocarán as tapas de pozos e arquetas de rexistro á nova cota.

Doutra banda, na estrada de Ventosela, na parroquia de Reboreda, traballarase sobre dous treitos, un deles con firme e de formigón e un notable estado de deterioro polo que, unha vez varridas as superficies a pavimentar e realizada a limpeza de marxes, procederase ao estendido e compactado duna capa de rodadura de 5-7 cm de espesor, segundo tramos, con mestura bituminosa en quente, incluíndo tamén a aplicación de rego de adherencia.

Para as obras do camiño de Outide e da estrada de Ventosela, destinase un investimento de 31,555,65 €.

Finalmente, no Viso, traballarase na mellora de capacidade do camiño de Val do Muíño, co ensanchamento da vía no treito comprendido entre a estrada da Nogueiriña e o camiño do Sosteiro, unha obra que se realizará ao abeiro do Plan Concellos 2020 cun investimento de 65.131,77 €.