Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Redondela colaborará cos centros escolares ante o reinicio do curso en bacharelato

Goberno local e equipas directivas dos institutos amosan as súas reticencias a retomar as clase “sen medidas que garantan totalmente a seguridade e saúde dos rapaces e rapazas”

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, mantivo esta semana unha reunión telemática coas equipas directivas dos centros escolares de Redondela, na que se puxo de manifesto “as reticencias que directivas e profesorado teñen ante un reinicio do curso sen antes garantir, ao cen por cen, a seguridade sanitaria tanto dos rapaces e rapazas coma dos e das docentes”, explicou a alcaldesa.

Segundo unha comunicación da Xunta de Galicia, o vindeiro día 25 de maio, deberían retomarse as clases presenciais para o alumnado de 2º de bacharelato, nunha medida cualificada polo Goberno local redondelán como “ambigua” xa que deixa á elección dos alumnos e alumnas asistir ou non ás clases.

A medida supón, para alcaldesa de Redondela, “unha maneira de eludir responsabilidades facéndoa recaer sobre os rapaces e rapazas”. No decurso da reunión, o Concello púxose á disposición dos institutos para colaborar no que precisasen “na medida das nosas posibilidades e asumindo competencias que son da propia Xunta de Galicia”.

Así, o Concello colaboraría na limpeza dos centros escolares, “limpeza que non desinfección”, aclara a alcaldesa de Redondela, “porque para esa desinfección a fondo o Concello non ten os medios necesarios e, ademais, é unha competencia exclusiva da Consellería de Educación”.

Tanto a alcaldesa como as e os directores dos centros escolares amosaron o seu escepticismo sobre o reinicio do curso escolar ao existir, sinalaron as dúas partes “incerteza na evolución da COVID-19 e, sobre todo, dúbidas á hora de garantir a saúde dos rapaces e rapazas” que, segundo Digna Rivas, “debe ser total e absoluta e a única prioridade por encima de calquera outra consideración”.

Nese sentido a alcaldesa de Redondela é rotunda ao sinalar que o curso “non debería reiniciarse en tanto non se teña absolutamente garantida a seguridade do alumnado”.

Digna Rivas chamou a atención sobre a “rapidez e efectividade” das medidas adoptadas pola Concellería de Ensino do Concello de Redondela que dirixe Olga García Ballesteros, nos centros que son da súa competencia, “aos que dende o primeiro momento dotóuselles de material desinfectante, luvas e máscaras de protección, para que o profesorado puidera seguir desenvolvendo o seu traballo”.

Estas medidas, que mereceron a felicitación unánime da comunidade educativa, “contrastan co ‘pasotismo’ da Xunta de Galicia nos centros que lle competen” descargando nos concellos “esa responsabilidade, que non é nosa, pero que asumimos con gran esforzo porque a nosa primeira prioridade é a seguridade da nosa veciñanza”.

Doutra banda a alcaldesa de Redondela adiantou que mantén “continuo contacto” co reitor da Universidade de Vigo de cara a que os rapaces e rapazas que teñen que facer as probas da ABAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade) –a antiga Selectividade– as poidan realizar en Redondela.

“Evitaríamos desa forma –explica Digna Rivas– que as nosas mozas e mozos e o alumnado de Soutomaior, teñan que desprazarse, co risco sanitario que neste momentos supón”, e poidan realizar as probas nunha instalación por determinar que, posiblemente, podería ser o pavillón de deportes, “no que se poderían garantir as condicións de espaciamento entre postos, desinfección e seguridade que serían desexables”, concluíu a rexedora local redondelá.