O cemiterio de Eidos figura entre un dos sete camposantos candidatos do concurso Cemiterios de España convocado pola revista Adios Cultural, un certame que, segundo explica a alcaldesa Digna Rivas, busca poñer en valor “a importancia histórica, cultural, social, artística e patrimonial que teñen os cemiterios, elementos que concorren todos eles no cemiterio dos Eidos”.
Agora, os sete cemiterios finalistas poderán ser votados a través dunha consulta na rede. A través da ligazón https://www.revistaadios.es/edicion/7/Concurso-de-Cementerios-de-Espana-2022.html as persoas que desexen participar tan só deberán darse de alta cun correo electrónico e un DNI. Na páxina existe un amplo dossier dos cemiterios finalistas, entre eles o redondelán dos Eidos.
Compre lembrar que o Goberno presidido por Digna Rivas rehabilitou por completo un espazo totalmente degradado, obxecto do máis absoluto dos abandonos por parte dos anteriores gobernos, devolvéndolle o seu esplendor e poñendo en valor a importancia que, dende o punto de vista histórico e patrimonial, ten este cemiterio, considerado como Cemiterio Histórico pola Deputación de Pontevedra e que aspira a entrar na lista de Cemeterios Singulares de Europa.
Para facilitar o proceso de votación, dende o vindeiro luns, 12 de setembro, as persoas interesadas poderán dirixirse á Oficina de Turismo, nos baixos da Casa do Concello de Redondela, onde se lles informará sobre como facer a votación de xeito doado dende o seu teléfono ou dispositivo móbil.