Domingo, 4 Maio de 2025

O BNG de Redondela considera que o goberno local ignora a participación veciñal

“Non se poden cambiar as regras do xogo segundo intereses partidistas”, afirma o voceiro nacionalista Xoán Carlos González.

Dende a organización nacionalista saen ao paso da dinámica desenvolvida polo goberno local “realizando actos públicos, onde se da conta de propostas realizadas polos colectivos nos Consellos Parroquiais”, órganos que, lembra o portavoz do BNG Xoán Carlos González, “naceron da man do BNG no ano 2000 cando se aprobou o Regulamento como órgano de participación veciñal onde se prantexan as necesidades das parroquias, e o goberno municipal debe dar conta das súas propostas. Nel teñen presenza diversos colectivos como Traídas de Augas, Asociacións Veciñais, Comunidades de Montes, xunto aos representantes dos partidos políticos”.

González, asegura que “non se poden cambiar as normas de participación veciñal das que nos dotamos” e defende que sexa nos Consellos Parroquiais “onde primeiro se dea conta das alternativas, solucións ou propostoas que afectan directamente á parroquia”.

“Queremos destacar dende o BNG o importante labor que realizan as asociacións de representación da veciñanza, lexítimamente constituídas”, afirma o portavoz nacionalista dado que neles se formulan directamente ao goberno municipal as necesidades da súa parroquia. Considera polo tanto lóxico Xoán Carlos González que “sexa no seo destes órganos de participación democrática, onde se dea conta primeiramente de diversas actuacións que afectan ás parroquias”.

Afirma o edil nacionalista sentirse “preocupado” polo que considera “deterioro da participación veciñao” e lembra que se tardaron nove meses en convocar os Consellos Parroquiais e outros como o Consello Municipal da Muller e o Consello Escolar Municipal levan un ano sen reunirse”.

Para Xoán Carlos González “a deriva de furtar a participación veciñal constitúe un feito sen precedentes” polo que instan “a un cambio de rumbo na politica de Participación Veciñal do equipo de goberno”.