Domingo, 4 Maio de 2025

O Arealonga FS de Chapela prepárase para o seu vixésimo anisersario

“Se ofreces xogar no noso club, poderás conseguir xogadores e xogadoras. Se ofreces proxectos e traballo en equipo terás xogadores e xogadoras apaixonados”. Esta cita reflexa claramente o espírito do Arealonga FS de Chapela e, tal e como o propio club salienta “as nosas gañas de formar equipo e de que a nosa “pequena fortaleza” creza. Que día a día, todos e todas se sintan parte dun proxecto apaixoante e inspirador”.

O club Arealonga FS Chapela, foi fundado no ano 2003 da man de Iván J. Vázquez, actual presidente do mesmo, nacendo no CEIP de Laredo, na Praia de Arealonga en Chapela de aí o seu nome.

“A entidade, destaca polo seu traballo, a súa humildade e o seu compañeirismo, adxectivos que fan posible que funcionemos como unha gran familia, sendo esta a base do noso éxito”, explica a vicepresidenta Leticia Nigueira.

“Facemos unha clara aposta por tódolos cativos e cativas que desexen practicar esta modalidade deportiva no barrio, e de xeito especial, polo fútbol sala feminino, pois grazas a elas, fíxose posible algo tan fermoso”, engade.

En breve, o club estará de aniversario, cumprindo 20 anos de historia e o celebrará dun xeito moi especial. Por iso, se queres formar parte desta aventura, inda estás a tempo de facelo informándote a través do 662 111 339 ou no Pavillón Municipal de Chapela “Manuel González Soto” os martes e venres en horario de 17:00 a 19:00 horas.