9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondela'Non deixes que te enREDEn', lema do programa do 25N de Redondela

    ‘Non deixes que te enREDEn’, lema do programa do 25N de Redondela

    A alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Igualdade, Iria Lamas presentaron un amplo programa de actividades coa intención que a loita contra a violencia sobre as mulleres “sexa unha acción continuada e non cinguida a un día puntual”

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Lamas, presentaron na mañá de hoxe nas instalacións do IES Mendiño, o programa que se desenvolverá con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller e que, baixo o lema xenérico ‘Non deixes que te enREDen’ busca poñer o foco de atención na violencia sexual, control, chantaxe ou violencia psicolóxica que se poden dar nas parellas de adolescentes a través das redes sociais.

    Con ese fin, non cinguir a loita para erradicar a violencia contra as mulleres –sexa esta do tipo que sexa– a un só día, o programa inclúe unha serie de charlas nos IES do municipio que permitan ao alumnado afondar e interiorizar o concepto de igualdade. A actividade que se desenvolverá baixo os lemas #DesenRÉDate #daviolenciasexual, terán lugar do 23 ao 25 de novembro ás 18 horas.

    Para que as iniciativas teñan unha maior difusión, do 23 ao 25 de novembro, realizarase unha campaña de sensibilización contra a violencia machista en Radio Redondela.

    Do 23 de novembro ao 15 de decembro, a Alameda Castelao de Redondela, a Alameda Rosalía de Castro de Chapela e os IES do municipio e os centros culturais das parroquias, terán a oportunidade de exhibir a exposición itinerante Non deixes que te enREDen (en colaboración cos IES Mendiño e Illa de San Simón) e a mostra Violencia machista no refraneiro galego, en colaboración esta mostra cos Centros de Día de Redondela.

    O 23 de novembro, no multiúsos da Xunqueira ás 18 horas, terá lugar a charla coloquio #TIÉSCAPAZ, dentro da campaña de sensibilización e prevención da violencia de xénero. A actividade está dirixida á poboación de mulleres con diversidade.

    O 24 de novembro, e tamén no multiúsos da Xunqueira ás 18 horas, impartirase unha charla informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual.

    O día 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller, ás 12 horas e na Casa da Torre, terá lugar a lectura do manifesto institucional para, deseguido, ás 12:30 horas desenvolverse a performance Iceberg dirixido por Yara Jucal.

    Xa pola tarde, e de cara a inculcar nos máis cativos e cativas o concepto de igualdade, a Biblioteca Municipal de Redondela será escenario da actividade Peúgo, o calcetín melenudo unha actividade que combina os contacontos e os obradoiros. A actividade está dirixida aos nenos e nenas de 6 a 9 anos e é totalmente de balde aínda que, sendo as prazas limitadas, será precisa a inscrición previa nas bibliotecas.

    O 26 de novembro, ás 20 horas, terá lugar a Gala de entrega de premios do Certamen de Xornalismo Ético ‘Sesé Mateo’, convocado polo Concello de Redondela.

    Finalmente, o 26 de novembro, a biblioteca Xela Arias de Chapela acollerá o contacontos e obradoiro Peúgo, o calcetín melenudo ás 18:30 horas.

    Digna Rivas, na presentación das actividades, sinalou aos mozos e mozas a necesidade de afondar na igualdade e rexeitar as actitudes sexistas e machistas “como único xeito de acadar unha sociedade realmente xusta e, sobre todo, decente”. A rexedora fixo especial fincapé no feito que na campaña “se implicasen totalmente os centros escolares e os centros de día, dando forma á transversalidade que sempre propugnou este concello”.

    O feito de presentar a campaña nun instituto, sinalou a alcaldesa de Redondela, busca poñer o foco de atención sobre “a importancia da educación entre a poboación máis nova como ferramenta de concienciación cara a igualdade como xeito máis efectivo de previr condutas violentas, sexan físicas ou psicolóxicas”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.