Domingo, 4 Maio de 2025

Guillermo Meijón visibiliza en Redondela o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa gratuidade da peaxe Vigo-Redondela

O deputado socialista no Congreso acompañado pola alcaldesa Digna Rivas, a deputada Ángeles Marra e a senadora por Pontevedra Marica Adrio, subliñou na rotonda de Cabanas e coa cabina de control da peaxe como fondo, que o Goberno cumplía unha reclamación histórica da veciñanza

“A liberalización da peaxe do treito Vigo-Redondela é unha realidade, ten partida comprometida nos Orzamentos Xerais do Estado e, por tanto é un compromiso firme do Goberno de Pedro Sanchez para dar cumprimento a unha reivindicación histórica das veciñas e veciños”, afirmou esta mañá a deputada socialista Ángeles Marra na rotonda de Cabanas e coa cabina da peaxe da AP-9 de fondo, instalación que, polo que parece, xa ten data de caducidade.

Marra, que visitaba a zona de enlace da AP-9 coa N-552 xunto ao tamén deputado Guillermo Meijón, a senadora Marica Adrio e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegurou sentirse “feliz” de estar anunciando unha medida como a liberalización da peaxe Vigo-Redondela “que permitirá a mobilidade da veciñanza” e que non é un anuncio baleiro “senón un compromiso en firme do Goberno socialista de Pedro Sánchez”.

A deputada socialista pediu “responsabilidade” tanto ao PP como ao BNG, que pese a “terse reunido neste mesmo sitio reclamando a gratuidade deste treito da AP-9, agora anuncian que votarán en contra dos orzamentos”. Ángeles Marra pediu a ámbalas dúas forzas políticas “responsabilidade e sentido de estado”.

Pola súa banda, Guillermo Meijón, quería en primeiro lugar felicitar á alcaldesa Digna Rivas “pola súa persistencia” porque, dixo, “durante os últimos anos incluso co Partido Popular no Goberno insistiu todos os días para conseguir a dobre R, é dicir, que unha reivindicación sexa unha realidade”.

Que os Orzamentos Xerais do Estado contemplen un compromiso firme para que poida desaparecer esta peaxe “é unha boa mostra da insistencia da alcaldesa de Redondela”.

Meijón, que cualificou á peaxe de Rande como “un agravio comparativo con cidades ás que se lle facían circunvalacións para o desprazamento gratuíto da cidadanía”, lembrou que “por pouco” estivo a piques de non poder ser realidade “pola oposición a estes orzamentos tanto do PP e coma do BNG”.

O deputado socialista asegurou “non entender” especialmente a postura do BNG “que ten a frivolidade de dicir que non a uns orzamentos tan necesarios neste momento”. Guillermo Meijón asegurou “non entender” a postura dunha formación política “que está dicindo non á Comisión de Recuperación deste país, está dicindo que non á ley de educación progresista, está dicindo que non a estes orzamentos”. “Non entendemos esta postura –concluiu– que os está a converter nun partido inútil para conseguir cousas para Galicia”.

Digna Rivas, que estaba acompañada pola concelleira Olga García e o concelleiro Alberto Álvarez, agradeceu a visita de Meijón, Marra e Adrio que viñan a “confirmar que a gratuidade de Rande, que a veciñanza de Redondela leva pedindo dende anos e anos, sexa agora unha realidade grazas ao goberno socialista”.

Lembrou a rexedora local que, dende a súa chegada á alcaldía, “estiven insistindo neste tema” e nese sentido lembrou a reunión que mantiveron en Madrid ela mesma e o concelleiro Roberto Villar “na que puxemos sobre a mesa os temas máis importantes para Redondela de xeito que quedasen, como neste caso, reflectidos los Orzamentos”.

“Gobernar non son palabras, son feitos e o único medio de facelos realidade é que figuren nos Orzamentos Xerais do Estado”, afirmou contundente Digna Rivas quen lembrou que o anterior alcalde “so se lembraba da liberalización da peaxe cando chegaban as eleccións” e lembrou que á chegada do novo Goberno, as carpetas coas sinaturas dunha “recollida de firmas para pedir a supresión da peaxe” non foran remitidas a Madrid “senón que estaban agochadas na Casa do Concello e esquecidas ata que nós as enviamos”.

Finalmente dixo a alcaldesa de Redondela que estará “moi pendente do voto do sr. Bas, que é deputado en Madrid, nestes orzamentos que inclúen a supresión desta peaxe”.