Venres, 2 Maio de 2025

Digna Rivas consegue o compromiso de Abanca que manterá aberta a oficina de Cesantes

Os representantes da entidade financeira confirmaron á alcaldesa redondelá que a oficina reabrirá as súas portas na primeira quincena do mes de agosto

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de amosar a súa satisfacción polo compromiso de Abanca de reabrir as portas da oficina de Cesantes, logo da reunión mantida na Casa do Concello, a petición da propia rexedora local, con Victor Manuel Vázquez Saavedra, director de zona Morrazo-Redondela e Juan Walter Álvarez Álvarez, director territorial de Vigo.

No decurso da reunión a alcaldesa deulles conta da importancia que ten a antedita sucursal de Cesantes tanto para a veciñanza da zona, como para a actividade económica relacionada co mundo da mar, “argumentos que foron perfectamente entendidos polos representantes da entidade financeira” e que foron determinantes á hora de decicir que, “ao longo da primeira quincena de agosto a oficina reabra as súas portas”, apuntou Digna Rivas.

O peche da oficina de Cesantes, que conta cun considerable movemento debido ao seu uso por parte das xentes da mar e da actividade portuaria, viña sendo motivo de malestar e mobilizacións da veciñanza. Digna Rivas agradeceu a “receptividade de Abanca ás peticións formuladas polo Concello que non son outra cousa que as esixidas polas veciñas e veciños”

Ao longo da xuntanza de traballo, a alcaldesa solicitou que por parte de Abanca, se revisase a política de cobro de comisións que estaba a desenvolver a entidade “e que afectan aos sectores máis vulnerables da sociedade”.

Digna Rivas subliñou que a xestión realizada “responde á obriga do Concello, como administración máis próxima á cidadanía, de poñer voz a calquera problema que afecte aos veciños e veciñas” e cuxa resolución, sinalou, “é para nós prioritaria”.