23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaConvocada a décimo oitava edición do Concurso Fotográfico do Obradoiros de Estudos...

    Convocada a décimo oitava edición do Concurso Fotográfico do Obradoiros de Estudos Locais Fernando Monroy

    A alcaldesa, Digna Rivas, subliñou na presentación do certame, a importancia do traballo que desenvolve o Obradoiro “para recuperar, manter e difundir a nosa cultura e patrimonio en todas e cada unha das iniciativas que desenvolven”.

    A Casa do Concello de Redondela acolleu na mañá de hoxe o acto de presentación do XVII Concurso Fotográfico que organiza o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy. No acto, a alcaldesa Digna Rivas estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Iria Vilaboa e por membros do Obradoiro.

    A alcaldesa subliñou a “extraordinaria importancia” que ten a labor que desenvolve o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy “de recuperar, manter e difundir a nosa cultura e patrimonio e evitar que caian no esquecemento”. Boa mostra dese traballo, engadiu Digna Rivas, “é este concurso fotográfico que pouco a pouco e pasiño a pasiño, foi quen de consolidarse entre os certames fotográficos de referencia do sur de Galicia” algo que, para a rexedora local redondelá, “non é froito da casualidade senón do esforzo e traballo continuado das e dos compoñentes do Obradoiro de Estudos Locais”.

    Esta nova edición do concurso fotográfico, terá aberta a súa inscrición ata o día 2 de novembro do 2022 e, as e os concursantes deberán presentar as fotografías, obrigatoriamente, en formato dixital e impreso. As fotografías en formato dixital poderán enviarse en calquera soporte de almacenamento dixital ou por correo electrónico ao enderezo obradoiro@estudoslocais.org. As fotografías impresas, que non poderán excede de 20×30 cm, deberán ir sobre soporte ríxido de cartón pluma, paspartú ou cartolina.

    Os sobres coas fotos poden entregarse tanto persoalmente como por correo ordinario ao enderezo do Círculo Cultural D. de Cesantes,. Estrada de Cesantes, nº 28, 36693 Cesantes, Redondela entre as 15 horas e as 21 horas. Tamén se poden entregar na Farmacia I Muíños de Cesantes e nas tendas de fotografía Cal-3 e S. Bastos de Redondela.

    Para garantir o anonimato dos traballos, estes deberán presentarse cun pseudónimo e un título para cada fotografía, acompañando a foto cun sobre pechado, identificado fora co mesmo pseudónimo, no que se incluirán os datos persoais do autor ou autora (Nome e apelidos, pseudónimo, DNI, data de nacemento, enderezo, correo electrónico, teléfono de contacto, título da obra e breve reseña e lugar onde foi tomada a foto.

    Establécense dúas categorías: xuvenil (ata 17 anos) e adultos e o certame repartirá un total de 775 € en premios cun premio á mellor fotografía de 250 €. Para a categoría de Adultos establécese un primeiro premio de 150 euros, un segundo de 125 e un terceiro premio de 100 euros. Para a categoría xuvenil o primeiro premio será de 100 euros e o segundo de 50 euros. Os premios non poderán ser declarados desertos e a mesma persoa non poderá ser motivo de máis dun deles.

    Finalmente, as fotos premiadas serán elixidas a mediados de novembro do 2022 e o fallo do xurado colgarase na web e no Facebook do Obradoiro de Estudos Locais para as súas consultas. Posteriormente, as e os galardoados serán avisados con suficiente antelación para asistir ao acto de entrega de premios organizado a tal efecto polo Obradoiro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.