Sábado, 3 Maio de 2025

Comezan os showcooking das Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela

A actividade descubre de máns de profesionais de recoñecido prestixio, as máis diversas formas de preparar este produto de excelencia da baía de San Simón

Pucho Barciela e Gilda Pires, foron os encargados de abrir, onte venres 7 de maio, as actividades do showcooking das Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela que terán a súa continuidade hoxe sábado e pasado mañá domingo. Na carpa situada diante da Casa do Concello veciñas e veciños poden aprender de man de profesionais de recoñecido prestixio, diversas formas de preparar un produto que, na baía de San Simón, acada niveis de excelencia.

Neste primeiro showcooking no que participou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, Pucho Barciela e Gilda Pires amosaron como preparar uns espectaculares Chocos guisados e unhas Arepas recheas de choco.

Mañá sábado e pasado mañá domingo, ás 11 horas, continuarán estas actividades de cociña en directo. O sábado 8 de maio, serán Manuel Conde e José Manuel Durán os que amosen os segredos da elaboración dunha boa Tortilla de Chocos e uns espectaculares Chocos á galega.

Finalmente, o domingo 9 de maio, os showcooking pecharán a súa andaina da man de Benigno Campos que, coa axuda de Raúl, prepararán uns Chocos con patacas e tirabeques.

As Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela, continuarán durante toda a semana na que 11 establecementos hostaleiros ofrecerán as súas especiais formas de preparar os chocos. Nalgúns casos poderán degustarse no propio local ou facendo pedidos para levar a casa, mentres que outros dispoñerán de servizo a domicilio, totalmente gratuíto para o cliente, a cargo da empresa redondela Roombo.

78 Gastro Bar, Antolín, Café Bar Os Amigos, Casa Consejo, Casa Mucha, Don Vinarius, Lemos, Meraki, O Xantar de Outelo, Tapería Patri e Vila Bella, ofrecen ao abeiro destas xornadas gastronómicas menús nos que poñen toda a súa sabiduría culinaria e, respectando o choco, constrúen deliciosos menús

A clientela destas Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela tamén terán premio. Xa que poderán participar no sorteo de dous interesantes agasallos. Dunha banda unha Experiencia de Turismo Mariñeiro para dúas persoas e, por outra banda, un Lote de viños Capellán, mencía e godello. Para participar non teñen máis que solicitar os cupóns de participación que estarán á disposición dos clientes dos menús nos establecementos que participan nestas xornadas gastronómicas.

As Xornadas, organizadas polo Concello de Redondela a través da Concellería de Promoción Económica que xestiona María Castro e coa colaboración da Confraría de Pescadores de Redondela, ceden o protagonismo ao choco, como produto estrela, e ao sector da hostalaría que, tal e como sinalaba a alcaldesa Digna Rivas na presentación desta iniciativa, “foi o sector máis duramente golpeado pola crise e, pese a iso, souberon aguantar e cando as normas sanitarias o permitían, seguir amosando o seu alto grao de profesionalidade”