12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondela«Cantares do Camiño» achega a Redondela, o domingo 18, a tradición oral...

    «Cantares do Camiño» achega a Redondela, o domingo 18, a tradición oral e musical do Camiño Portugués a Santiago

    O Multiúsos da Xunqueira será escenario, este vindeiro domingo, 18 de outubro ás 18 da iniciativa «Cantares do Camiño» que pon en valor a tradición oral e musical do Camiño Portugués a Santiago de Compostela. A actividade é totalmente gratuíta, porén, debido as medidas de seguridade sanitaria impostas pola Covid-19, será preciso reservar praza no enderezo normalizacion@redondela.gal.

    O repetorio constará dunha escolma de 15 temas, cunha duración aproximada de 70 minutos, que amosarán todo tipo de cantares de tradición oral –do arquivo privado de Leni Pérez–, recollidas nas comarcas por onde pasa o camiño, tendo sempre en conta na escolla o uso do galego e a non utilización de linguaxe sexista.

    Así, as veciñas e veciños poderán gozar de Cantos do Ciclo da Vida, cantos de berce, xogos,…; Cantos de labor, de arrieiro, do ciclo do millo (labrada, sachada, esfollada…); Historias e Romances; Cantos de lecer, cantares de camiño, xotas, muiñeiras, pasodobres, valses, danzas, mazurcas… e, finalmente, Cantares de Ciclo Anual: cantos de Nadal, Xaneiras, Manueles e Reis.

    A alcaldesa de Redondela e concelleira de Normalización Lingüística, que animou á veciñanza a participar nesta iniciativa, salientou a súa importancia que “non só pon en valor o propio Camiño Portugués, senón que permite manter viva as nosas tradicións orais e musicais que forman parte do noso patrimonio e da nosa propia identidade como pobo”.

    Leni Pérez

    Leni Pérez, folclorista e intérprete, encargarase das explicacións de «Cantares do Camiño» e tocará percusións de man tradicionais e cantares de tradición oral recompilados na ruta xacobea.

    Leva recompilando nosa tradición oral dende finais dos anos 80, contando cun amplo arquivo privado, dando clases de cantares de tradición oral dende fai 30 anos e, na actualidade, dirixe nove escolas no sur de Pontevedra.

    Durante once anos traballou no programa Luar en apartados relacionados co folclore e na actualidade forma parte do programa Larpeiros onde tamén pon a nota musical. Acompañada por Roberto Comesaña, acordeonista profesional e mestre cunha ampla traxectoria, ten acompañando a músicos da talla de Leilía ou Cristina Pato.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.