Mércores, 7 Maio de 2025

«Cantares do Camiño» achega a Redondela, o domingo 18, a tradición oral e musical do Camiño Portugués a Santiago

O Multiúsos da Xunqueira será escenario, este vindeiro domingo, 18 de outubro ás 18 da iniciativa «Cantares do Camiño» que pon en valor a tradición oral e musical do Camiño Portugués a Santiago de Compostela. A actividade é totalmente gratuíta, porén, debido as medidas de seguridade sanitaria impostas pola Covid-19, será preciso reservar praza no enderezo [email protected].

O repetorio constará dunha escolma de 15 temas, cunha duración aproximada de 70 minutos, que amosarán todo tipo de cantares de tradición oral –do arquivo privado de Leni Pérez–, recollidas nas comarcas por onde pasa o camiño, tendo sempre en conta na escolla o uso do galego e a non utilización de linguaxe sexista.

Así, as veciñas e veciños poderán gozar de Cantos do Ciclo da Vida, cantos de berce, xogos,…; Cantos de labor, de arrieiro, do ciclo do millo (labrada, sachada, esfollada…); Historias e Romances; Cantos de lecer, cantares de camiño, xotas, muiñeiras, pasodobres, valses, danzas, mazurcas… e, finalmente, Cantares de Ciclo Anual: cantos de Nadal, Xaneiras, Manueles e Reis.

A alcaldesa de Redondela e concelleira de Normalización Lingüística, que animou á veciñanza a participar nesta iniciativa, salientou a súa importancia que “non só pon en valor o propio Camiño Portugués, senón que permite manter viva as nosas tradicións orais e musicais que forman parte do noso patrimonio e da nosa propia identidade como pobo”.

Leni Pérez

Leni Pérez, folclorista e intérprete, encargarase das explicacións de «Cantares do Camiño» e tocará percusións de man tradicionais e cantares de tradición oral recompilados na ruta xacobea.

Leva recompilando nosa tradición oral dende finais dos anos 80, contando cun amplo arquivo privado, dando clases de cantares de tradición oral dende fai 30 anos e, na actualidade, dirixe nove escolas no sur de Pontevedra.

Durante once anos traballou no programa Luar en apartados relacionados co folclore e na actualidade forma parte do programa Larpeiros onde tamén pon a nota musical. Acompañada por Roberto Comesaña, acordeonista profesional e mestre cunha ampla traxectoria, ten acompañando a músicos da talla de Leilía ou Cristina Pato.