Sábado, 3 Maio de 2025

As rúas de Redondela acollen mañá sábado a I Contrarreloxo por Equipos de ciclismo ‘X Aniversario C.A.R.’

Máis de 32 equipos teñen confirmada xa a súa participación na I Contrarreloxo por equipos de ciclismo ‘X Aniversario C.A.R.’ organizada pola Concellería de Deportes do Concello de Redondela, que xestiona Nacho González e que se disputará nun percorrido urbano de 5 quilómetros con final na Portela.

“Trátase dun tipo de proba moi interesante de seguir por parte das persoas afeccionadas ao ciclismo ao disputarse polas rúas da vila, o que facilita a asistencia de público”, explica a alcaldesa Digna Rivas para quen “a organización de probas deportivas, como neste caso unha contrarreloxo por equipos de ciclismo, non só buscan permitir á cidadanía gozar da espectacularidade deste deporte, senón fomentar entre os máis novos a práctica deportiva”.

A proba dará comezo ás 20 horas do sábado 17 de setembro, unha hora máis que axeitada dados os prognósticos meteorolóxicos que prevén para esta fin de semana altas temperaturas.

Tanto a alcaldesa de Redondela como o concelleiro de Deportes, agradeceron a colaboración de Rodavigo, patrocinadores da proba “que, nunha ocasión máis, están abertos á colaboración con este Concello e contribúen a que, actividades deste nivel, poidan ser posibles”.

A proba conta tamén coa colaboración da Asociación Deportiva C.A.R. (Club Atletismo Redondela) que cumpren dez anos de andaina “e que desenvolven un extraordinario traballo de promoción do atletismo e de inculcar valores como o traballo en equipo, a solidariedade e o compañeirismo, tan importantes como a propia actividade deportiva”, argumenta a alcaldesa de Redondela.