16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaAs Bibliotecas municipais de Redondela participan no vídeo de 31 bibliotecas galegas...

    As Bibliotecas municipais de Redondela participan no vídeo de 31 bibliotecas galegas para conmemorar o Día do Libro

    Ademáis das bibliotecas redondelás participan nesta iniciativa, entre outras, as de Baiona, Mondariz Balneario, Salceda de Caselas e Salvaterra do Miño.

    As persoas responsables das bibliotecas, que están pechadas por mor da pandemia da COVID-19, son as protagonistas e as caras visibles deste audiovisual, que quere mostrar que estes centros seguen a traballar e a buscar novas formas de contactar co público lector. A acción enmárcase dentro das actuacións cooperativas que está a poñer en marcha un grupo de traballo formado por 31 bibliotecas públicas municipais pertencentes á Rede de Bibliotecas de Galicia. Desde marzo, abren novas canles para compartir experiencias e fomentar a participación, mesmo en tempos de confinamento.

    O vídeo conmemorativo do Día Internacional do Libro é unha destas iniciativas. Nel aparecen as propias persoas encargadas das bibliotecas.

    O espírito do vídeo é amosar a proximidade do servizo bibliotecario, aínda que as bibliotecas non estean abertas ao público. A ritmo da música de Guadi Galego (‘Chea de vida’) e Migallas (‘O libro máxico’), as bibliotecarias e bibliotecarios, un a un, van intercambiando libros en pequenas pezas realizadas desde as súas propias casas, simbolizando un traballo en rede cooperativo e de axuda común.

    Outra iniciativa posta en marcha por este grupo ao comezo do estado de alarma é o deseño dun banco de recursos baixo o nome de #horadoconto, que consiste en recomendar unha lectura. As escollas fanse públicas de luns a venres a través das redes sociais e páxinas web municipais. Cada día, unha das bibliotecas é a responsable de realizar dita recomendación, en diferentes formatos, xéneros e idiomas. A proposta ten como propósito fomentar a lectura e o contacto cos libros.

    As bibliotecas públicas municipais que conforman esta iniciativa son dos concellos de: Antas de Ulla, Arteixo, A Pobra do Caramiñal, As Pontes, Baiona, Boiro, Caldas de Reis, Chantada, Chapela-Redondela, Coirós, Corcubión, Miño, Mondariz Balneario, Narón, Noia, O Pino, O Saviñao, Ordes, Oroso, Portonovo, Redondela, Rianxo, Ribadavia, Rois, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Santa Comba, Sober, Teo, Xermade e  Xinzo de Limia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.