Sábado, 3 Maio de 2025

A rúa Picota de Redondela transformarase por completo

A rúa Picota de Redondela atópase na recta final da actuación que está a transformar de xeito radical este espazo e a integrar no seu trazado as prazas de Fonte do Mouro e da Capela de Santa Mariña, co fin de crear unha zona continua, segura, accesible e onde o tránsito peonil vai ser protagonista. A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor “o cambio transcendental” que está a experimentar esta contorna e o municipio de Redondela durante a visita realizada a estas obras, financiadas ao abeiro do Plan ReacPon, xunto á alcaldesa Digna Rivas. Con estes traballos, Redondela recupera un espazo que pronto se converterá nun punto de convivencia para as persoas.

A actuación conta cun orzamento de 850.000 euros, dos que a Deputación achega 636.940 € e o Concello 212.313 €. “A pesar de que esta é unha das rúas máis importantes da vila pola que amais transcorre o Camiño de Santiago, era unha zona que realmente estaba en moi malas condicións –lembrou a presidenta provincial, Carmela Silva-. Durante os gobernos do PP non se fixo nada en todo este espazo. Agora, co plan extraordinario ReacPon estamos a impulsar un cambio transcendental cunha obra de enorme calidade urbana e cun aspecto respectuoso ca contorna, de xeito que a zona vai converterse nun núcleo moi fermoso desta vila, tal e como se merece a veciñanza”.

Carmela Silva enxalzou o labor da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “que traballa arreo, que inviste neste municipio como nunca se fixo e está a facer unha transformación tremenda, un cambio total no concello”. “Redondela é hoxe, con Digna Rivas –afirmou-, unha das vilas máis importantes da provincia. Ten recuperado o seu pulo e está pensada para as veciñas e os veciños con actuacións no espazo público cunha mobilidade segura, amable, onde as persoas son o centro, pero tamén noutros eidos como a cultura. Agora actúase en todo o municipio e hai un compromiso total cunha Redondela humana que avanza cunha alcaldesa que pensa na xente, viva onde viva”.

Pola súa banda a alcaldesa, Digna Rivas, quixo poñer en valor que “a transformación que está a ter este concello non é só pola nosa aposta, senón porque grazas á Deputación podemos facela; a realidade é esa e quen queira ocultala, non pode”. Lembrou que a zona obxecto da actuación “levaba máis de 20 anos abandonada” a pesar do paso do Camiño de Santiago, “tanto o da costa como o portugués, que converten a Redondela nun referente en turismo”. “O tránsito de persoas peregrinas é continuo durante todo o ano –explicou- e agora con esta transformación verán que Redondela é transitable e accesible. É a Redondela que queremos”. Rivas criticou que, porén, a Xunta de Galicia, “o que fai é absolutamente nada, mentres a Deputación segue investindo”. E nese senso apuntou que, amais da rúa Picota, con fondos provinciais están a ser posibles outras obras como o futuro aparcamento disuasorio na contorna da praza de Ponteareas, así como as obras de humanización en parroquias como Cidadelle. “A Deputación –concluíu- está a investir e sempre con criterios obxectivos, apoiando a todos os municipios da provincia por igual”.

O proxecto

Coa actuación do Plan ReacPon na Picota dáse protagonismo ao tránsito peonil, aplicando en toda a vía unha plataforma única para garantir a seguridade e a accesibilidade. Igualmente, búscase mellorar o aspecto visual e funcional da rúa (desde o cruce coa rúa Fumeiros ata a N-550), integrando as dúas prazas de Fonte do Mouro e da Capela de Santa Mariña no seu trazado. Deste xeito revalorízase ambos espazos, ao crearse zonas de estancia nas dúas prazas. Tamén se mellorarán os accesos ás vivendas, bares e aparcadoiros e axardinaranse diferentes espazos da rúa.

A obra dota a rúa dunha nova identidade relacionada co adoquinado existente na vila e tamén con novos pavimentos empregados nas prazas. Entre os materiais que se están a empregar destacan o aceiro galvanizado gris para escaleiras, límites entre pavimentos e varandas, o formigón para beirarrúas e chanzos, a lastra para franxas de beirarrúas e pavimento base na área rodada.