10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaA programación cultural de verán de Redondela, que comeza hoxe, contará cunha...

    A programación cultural de verán de Redondela, que comeza hoxe, contará cunha ducia de concertos espallados por diferentes puntos

    O departamento de Cultura deseñou un cartel no que se combinan grupos locais con outros de fóra

    A programación cultural de verán de Redondela arranca hoxe, 16 de xulo, coa actuación de Os Carunchos, grupo de música tradicional galega, a partir das 21:30 horas na alameda Rosalía de Castro de Chapela. Este ano, a Concellaría de Cultura ofrece unha ducia de actuacións na que se combinan os grupos locais cos de fóra ao longo do mes de xullo e agosto. Todas as propostas son de balde ata completar aforo e o público asistente terá que estar sentado e cumprir as normas sanitarias.

    Tamén hoxe haberá unha actividade programada para os máis pequenos en colaboración coa Concellaría de Medio Ambiente e a Sociedade Cultural do Viso. Trátase de varias propostas nocturnas que se desenvolverán no campo de fútbol de O Viso, Área recreativa de A Gándara e que combinarán cine ao aire libre cun rastrexo no monte a partir das 20:00 horas.

    “Este ano quixemos facer unha programación o máis variada posible na que siga habendo oco para os artistas locais e tamén estreando novos escenarios como a Finca do Carballo das Cen Pólas, espazo no que non se programara nada ata que recuperamos este lugar para actos culturais e no que se celebrará unha xornada de jazz”, subliña Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura.

    O vindeiro sábado, 17 de xullo, tocaranlle a quenda á ‘música tradicional furtiva’ dos redondeláns Tanto Nos Ten, a partir das 21:00 horas nos xardíns do paseo de Cesantes, co grupo de gaitas Os cuncas como artista invitado. E o domingo 18 actuará o grupo de música galega de raíz, Arxe.

    O vindeiro 30 de xullo celebrarase un encontro de bandas de música de Chapela e de San Miguel de Oia na Alameda. Tamén ese mesmo día actuarán os redondeláns Chaleco Reflectante, banda de punk/rock alternativo e os Fabulosos Zebulones, este último cun repertorio de versión de temas de The Beattles. A seguinte actuación, o 31 de xullo, será o festival folclórico Carballo das Cen Pólas, coorganizada coa agrupación Carballo das Cen Pólas.

    Voces femininas

    Entre as novidades tamén se atopa un festival no que as mulleres serán as protagonistas e comporán un cartel de cinco actuacións entre as que se atopan a de Sofía Espiñeira (13 de agosto) e Su Garrido (14 de agosto). “Será un festival moi especial, na explanada de Meirande, ao carón do mar con só voces femininas, non só da música, senón que tamén haberá outras sorpresas protagonizadas tamén por mulleres”. Este conxunto de actuacións terán lugar os días 13 e 14 de agosto.

    Un dos pratos fortes da programación será a xornada de jazz no Carballo das Cen Pólas que terá lugar o 21 de agosto e na que actuará o grupo de jazz, Circus, co recoñecido pianista local, Alberto Vilas.

    A programación cultural rematará o 29 de agosto cunha proposta musical xusto previa ao Festival Internacional de Títeres de Redondela, coa esperada actuación de A Rondalla de Redondela.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.