Sábado, 3 Maio de 2025

A Policía Local de Redondela denuncia a 19 persoas por non contemplar as mínimas medidas de seguridade fronte á COVID-19

O skatepark estase a converter en punto de reunión de preto dun centenar de mozos de mozas que non cumpren coas máis mínimas medidas de prevención sanitaria

No espazo de poucas horas, a Policía Local de Redondela procedeu a denunciar a un total de 19 persoas por non adoptar as mínimas medidas de seguridade sanitaria fronte á COVID-19 e non utilizar máscaras de protección. A maior parte das denuncias interpostas tiveron lugar na Avenida Mendiño, nas inmediacións do skatepark, lugar onde “xúntanse case que a diario un cento de mozos e mozas que non manteñen as máis elementais medidas de seguridade establecidas”.

Na mesma liña de intensificación da vixilancia sobre o cumprimento das medidas de prevención contra a COVID-19, os axentes tamén denunciaron a outras persoas en diferentes lugares do casco urbano.

Cómpre salientar que o Concello de Redondela está a desenvolver, en colaboración coa Policía Local, un dispositivo especial de vixilancia con axentes uniformados e de paisano nas zonas máis concorridas e, polo tanto, de maior risco.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, apelou “ao sentido común” á hora de respectar as medidas de prevención “como medio máis efectivo de evitar a propagación do coronavirus”.

O Goberno local lembra que, nestes momentos, Redondela ten un total de 11 casos activos de coronavirus, “unha cifra moi baixa tendo en conta que se está a falar dun municipio de preto dos 30.000 habitantes”.

Esa baixa taxa de contaxios débese, en boa parte, ás medidas preventivas e campañas de información e concienciación realizadas dende o Concello “pero sobre todo, a responsabilidade que amosa a inmensa maioría da cidadanía á hora de observar as normas sanitarias establecidas”.

En todo caso, o goberno de Redondela asegura que non van consentir “que a insensatez e irresponsabilidade dunha minoría poña en risco a saúde de todas as veciñas e veciños” polo que lamentablemente e de ser preciso “pecharíase o skatepark”.