25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaA inauguración de 'Conquistadoras' na Alameda Castelao abre a programación do 8M...

    A inauguración de ‘Conquistadoras’ na Alameda Castelao abre a programación do 8M de Redondela

    As caras e nomes das mulleres galegas que, co seu esforzo e traballo, abriron camiños antes pechados á muller e que loitaron por acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria, adobían dende onte a Alameda Castelao agrupadas nunha nova edición da exposición ‘Conquistadoras’ que, cada ano incrementa o número de mulleres dignas de público recoñecemento.

    Digna Rivas, que participou no programa que Onda Cero emitía en directo dende a propia Alameda Castelao presentado por Susana Pedreira, puxo en valor o papel desenvolvido polas mulleres ao longo da historia e que “na maioría dos casos, queda relegado a un segundo plano ou, o que é pior, cae no máis absoluto dos esquecementos e resulta descoñecido para a veciñanza”.

    “Son a primeira alcaldesa na historia de Redondela, ao igual que Carmela Silva é a primeira muller presidenta da Deputación”, explicou Digna Rivas. “Sempre somos as primeiras porque, pouco a pouco, a base de moito traballo e sorteando todo tipo de obstáculos habituais no que sempre foi unha sociedade patriarcal, sempre hai unha muller que chega por primeira vez a una meta ou acada por primeira vez un logro”.

    Dende esa perspectiva, engadiu a alcaldesa redondelá, “«Conquistadoras» amosa ás mulleres que foron ‘as primeiras’ en facer algo en tempos moito máis complexos que os de agora e foron quen de amosar que, realizar un traballo ou desenvolver unha tarefa, non é cuestión de sexo senón de capacidade”.

    A cantante Guadi Galego, a artesá Elena Ferro, a directora e autora teatral Diana López, e o Promotor de Igualdade de Oportunidades e orfo de violencia machista, Joshua Mateo, participaron xunto á alcaldesa Digna Rivas no programa que Onda Cero emitía dende a Alameda Castelao. Precisamente Digna Rivas lembrou que “o tema «Matriarcas» de Guadi Galego é no que se basou a idea de Conquistadoras e presta unha marabillosa banda sonora á exposición”.

    A rexedora agradecía tamén a presenza de Elena Ferro “que foi quen de levar a nosa artesanía a outro nivel e gañar o Premio Nacional de Artesanía e capaz de transformar un elemento identificador da cultura galega, como son os zocos, nun elemento de moda sen perder o seu significado” e de Diana López “que consigue, a través dos guións e dirección teatral, poñer foco de atención sobre temas que contribúen ao empoderamento da muller e a loita pola igualdade”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.