Sábado, 3 Maio de 2025

A exposición «Xela Arias e as palabras», do CEIP Porto Cabeiro, pode visitarse na Biblioteca Xela Arias de Chapela

Xela Arias e as palabras é o título do proxecto didáctico co que o redondelán CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro resultou gañador, dentro da categoría de centros de Primaria, no Concurso-Exposición arredor da autora homenaxeada polas Letras Galegas 2021, que organizaba a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Froito deste proxecto didáctico, o alumnado do centro elaborou 10 fermosos e orixinais carteis para difundir a vida, a obra e o traballo da Xela poeta, editora e tradutora a prol da nosa lingua e a favor da difusión da cultura.

Sobre eles, a comisión de valoración encargada de resolver a convocatoria salientou a “orixinalidade e creatividade, pola beleza estética e pola diversidade das técnicas empregadas na procura de difundir a vida e a obra de Xela Arias entre o público máis novo”.

Agora veciñas e veciños poden destes cartaces no mellor sitio posible: na sala infantil da biblioteca que leva o nome de Xela Arias, en Chapela.

Dende as bibliotecas municipais transmitiron a súa felicitación ao CEIP Porto Cabeiro polo premio recibido ao mesmo tempo que agradeceron “que se potencie a figura de Xela Arias coa súa creatividade, e por cedernos o resultado deste traballo para que embeleza a nosa biblioteca de Chapela”.