Sábado, 3 Maio de 2025

A entrada a Redondela pola Avenida Santa Mariña péchase ao tráfico para obras de mellora da rede de abastecemento e saneamento

Aproveitando ás obras de mellora e humanización que se desenvolven na contorna, o Concello renovará a rede de subministro de auga potable para optimizar o servizo que presta á cidadanía

O Concello de Redondela vén de anunciar o peche, dende hoxe luns 5 de setembro, da entrada ao casco urbano pola Avenida de Santa Mariña (dirección ao Bar Rivas) para, aproveitando ás obras de humanización da citada vía, proceder á substitución das canalizacións tanto de saneamento de pluviais e fecais coma de abastecemento de auga potable, redes que contan con preto de 50 anos de antigüidade.

A alcaldesa Digna Rivas explicou que as obras de humanización “non se teñen que facer só na parte visible, senón tamén no que non se ve, como a rede de abastecemento de auga potable e as de saneamento, que son fundamentais para prestar un servizo óptimo á veciñanza”.

Mentres duren os traballos, cun prazo estimado de 15 días, os autobuses de liña regular de Autos González e Monbus que circulen en dirección Pontevedra-Redondela-Vigo, recollerán ás e aos pasaxeiros nas paradas habituais situadas no semáforo da Avenida Santa Mariña (xusto antes das obras) e a carón do antigo cuartel da Garda Civil na estrada N-550.

En canto aos autobuses escolares que comezarán a circular o vindeiro día 08 de setembro, deberán facelo entrando todos pola Praza de Ponteareas.

A alcaldesa Digna Rivas agradeceu de antemán a comprensión da veciñanza “polas incomodidades que producen este tipo de actuacións pero que, unha vez rematadas, melloran substancialmente a calidade de vida da veciñanza”.

Destacou especialmente a alcaldesa redondelá os traballos de substitución da rede de subministro de auga potable “xa que en tempos de seca como os que estamos a vivir, un concello non pode permitirse o luxo de ter canalizacións que, pola súa antigüidade, teñen perdas de auga e diminúen a súa eficacia”.