Cesantes xa se prepara para converterse por terceiro ano consecutivo na capital do Kitesurf en Galicia coa celebración do KiteFest. A cita, organizada polo TMKiteClub e o Concello de Redondela e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, celebrarase os días 11 e 12 de xullo e reunirá de novo a unha potente frota de máis de 70 participantes ofrecendo todo un espectáculo na enseada de San Simón durante as dúas xornadas de evento.
Nesta ocasión, a Organización tomou a decisión de reforzar a parte deportiva do evento ampliando o número de probas de formato regata e dividindo á frota en tres categorías principais –twintip, surf e foil– e unha división especial para participantes non federados. A proba, ademais, foi incluída este ano no calendario oficial de regatas da Real Federación Galega de Vela.
Xusto Fernández, presidente do TMKiteClub, explica que “este ano optamos por impulsar a parte deportiva do evento, sumando máis probas puntuables durante os dous días de KiteFest e incluíndo a categoría foil, o que sen dúbida dará un toque máis de espectáculo á regata”.

“Aquí en Cesantes temos un anuncio de luxo para a práctica deste deporte, cunhas condicións perfectas durante esta época do ano, e un dos nosos obxectivos é dar a coñecer aínda máis este marabilloso lugar”.
Así, o sábado, tras a recollida de dorsais e reunión de participantes coa organización e o Comité de Regatas, disputaranse as primeiras mangas con saída fronte á illa de San Simón para inaugurar a terceira edición do KiteFest Cesantes. Xa o domingo, tras finalizar as últimas probas, terá lugar a esperada exhibición de Freestyle fronte á praia como broche final do evento.
A día de hoxe, e cando aínda resta unha semana para que se peche o prazo de inscrición, son xa preto de 70 os riders que confirmaron a súa participación nun dos eventos máis esperados da tempada de kitesurf en Galicia.
O evento celebrarase cumprindo coas medidas de seguridade e hixiene fronte ao Covid-19 establecidas no protocolo da Secretaría Xeral para o Deporte e a Real Federación Galega de Vela, para garantir así a seguridade tanto dos participantes como da organización.