Luns, 9 Decembro de 2024

A enseada de San Simón acolle, este sábado, a ‘VI Travesía a nado San Simón’

A enseada de San Simón acollerá, este vindeiro sábado 10 de agosto, unha nova edición da travesía a nado ‘San Simón’, unha proba organizada pola Asociación Deportiva Club Atletismo Redondela que ao longo das cinco anteriores edicións foi quen de consolidarse como unha cita, case que imprescindible, para os amantes da natación en augas abertas.

A travesía a nado, pola súa distancia de 1.500 metros, convoca non soamente a nadadores e nadadoras non profesionais como proba de carácter popular que é, senón que tamén supón unha excelente preparación e ‘test’ para triatletas de recoñecido prestixio nacional e internacional que competirán nas augas da enseada redondelá.

As previsións da organización é que se cubra a totalidade das 250 prazas que, por motivos de seguridade, fixou como tope máximo.

Esta proba ten, amais, un marcado carácter solidario xa que por parte dos organizadores 1 € de cada inscrición irá destinado á ONG ‘Da Man’, Organización Galega polo Desenvolvemento.

O concelleiro de Deportes do Concello de Redondela, Nacho González, animou a “todos e todas a participar nesta proba que se disputa nun marco incomparable como o que ofrece a nosa enseada de San Simón”.