Sábado, 3 Maio de 2025

A Concellería de Vías e Obras de Redondela remata os traballos na rúa San Xoán de Arcal

A Concellería de Vías e Obras do Concello de Redondela, que xestiona Vicente Lamas, deu por rematados os traballos de mellora e asfaltado da rúa San Xoán de Arcal, en Redondela, unha rúa que atopábase un estado “deplorable” e na que as veciñas e veciños viñan, dende hai anos, reclamando a súa reparación “sen que ninguén lles fixera caso”, sinala o responsable de Vías e Obras.

As labores realizadas supoñen unha reparación integral co asfaltado de toda a vía e o conseguinte levantado de arquetas para adecualas ao novo firme. Para o remate da obra, explica Lamas, “tan so queda o pintado da sinalización horizontal e das prazas de estacionamento” co que a rúa quedará adecuada ao que se pide a unha zona urbana moderna.

Doutra banda, a Concellería de Vías e Obras adiantou que nesta vindeira semana tamén se comezarán cos traballos de asfaltado da rúa que leva cara a Ventosela.

Finalmente, Vicente Lamas deu conta que os traballos de roza que se desenvolven en todas as parroquias de Redondela, están xa máis aló do 70 % co que se espera que conclúan nestas vindeiras semanas. Dentro desas actuacións inclúese o rozado do paseo de Redondela ata a Portela, paso que utilizan numerosas veciñas e veciños.

Como en outras moitas cousas, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, os traballos de roza estaban previstos para varios meses atrás pero, a situación xerada pola COVID-19 e a conseguinte paralización es expedientes, provocou atrasos na execución dos traballos.