Sábado, 3 Maio de 2025

A Concellería de Ensino de Redondela colabora cos colexios para achegar as tarefas escolares aos fogares que carezan de internet

A Concellería de Ensino do Concello de Redondela, vén de poñerse ao dispor dos centros educativos de Redondela de cara a facilitar que, aqueles nenos e nenas que non teñen conexión a internet nas súas casas ou non dispoñan de ordenador, poidan desenvolver as tarefas que, dende os diferentes colexios e institutos, propón o profesorado para este tempo de confinamento obrigado polo COVID-19.

Para esa tarefa de intermediación, a Concellería que dirixe Olga García Ballesteros, púxose en contacto co persoal docente de cada centro para que este remita, ao correo de Ensino, as tarefas correspondentes que, unha vez imprimidas, fanse chegar aos domicilios dos nenos e nenas para que poidan seguir o ritmo de traballo dos seus compañeiros e compañeiras.

Trátase, explica García Ballesteros, “de eliminar a fenda entre o alumnado que dispón de internet e ordenador, e aquel que non o ten, de xeito que poidan desenvolver o traballo ao mesmo tempo”.

Nesa liña, a alcaldesa Digna Rivas, recalca que se trata de unha iniciativa dirixida “só aos que non dispoñan de equipo informático ou conexión á rede” polo que non é aplicable aos que carecen, por exemplo, de impresora xa que “os exercicios propostos, segundo explicou o profesorado, non necesitan ser impresos”, aclara Rivas.