Sábado, 3 Maio de 2025

A Biblioteca Municipal de Redondela ofrece un concerto homenaxe a Xela Arias

O venres 17 de decembro celébrase o Día da Edición no Calendario do Libro e da Lectura de Galicia.

As Bibliotecas Municipais de Redondela considérana unha data moi significativa arredor da figura de Xela Arias, escritora que desenvolveu unha labor moi importante a prol da edición na lingua galega dende o seu traballo no selo Xerais.

Para festexar esta efeméride e pechar así o calendario de actividades que teñen desenvolvido este ano a carón da homenaxeada do Día das Letras Galegas, e que valeronlles o Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia 2021, únense coa Escola de Música de Chapela para facer un pequeno e moi emotivo concerto co seu alumnado.

Proxectarase en primeiro lugar o vídeo Buscando a Xela, que realizou para a biblioteca a actriz e contadora Raquel Queizás.

A continuación o concerto, que estará formado por tres grupos de cámara. Estes tocarán diferentes temas en homenaxe a Xela Arias, con arranxos musicais de Andrés Álvarez, director da Banda de Música de Chapela, ademáis dun tema de composición propia.

Para conformar estes tres grupos de cámara, a Escola de Música organizou un concurso entre todo o seu alumnado, para o que se presentaron máis de 20 participantes. A cita é o venres 17, ás 20:00 h. no auditorio do Multiúsos de Chapela. A entrada será libre, ata completar as localidades.