Martes, 1 Xullo de 2025

A Autoridade Portuaria confirma ao Concello de Redondela que se permitirá o paso de peóns e vehículos autorizados pola explanada de Duchess

O Goberno redondelán lembra que, amais dos peóns, é a única entrada posible para autobuses con visitas colectivas a esta instalación museística

Unha valla colocada na entrada da explanada de Duchess, prohibindo explicitamente o paso tanto a vehículos como a peóns, foi obxecto de indagacións por parte do Concello de Redondela para coñecer que dera autorización para dito pechamento. Cómpre salientar que a explanada é o principal acceso ao Museo Meirande, un dos recursos culturais do municipio por excelencia tanto polo seu valor histórico-industrial coma paisaxístico ao enclavarse en pleno estreito de Rande e en zona de protección medioambiental da Rede Natura 2000.

O aviso da prohibición de paso a vehículos e peóns foi dado ao Concello por numerosos veciños e veciñas da zona que amosaron o seu malestar por esta circunstancia, motivo polo que, ao longo do día de onte, a Alcaldía de Redondela solicitou información o peche á Autoridade Portuaria de Vigo, organismo que esta mesma mañá que dito valado fora colocado para impedir que na zona se deran cita mozos con coches que se dedicaban a facer carreiras e derrapaxes.

As pescudas do Goberno local viñan motivadas porque, tal e como sinalaba a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “o valado instalado non asemellaba ser provisorio” e curiosamente, xunto aos carteis de prohibición de paso para vehículos e peóns e de avisos de ser unha zona videovixiada, “figura un cartel do Museo Meirande cos horarios de apertura ao público”.

A Autoridade Portuaria confirmou esta mesma mañá ao Concello, que se “modificarán” os avisos do valado para permitir o paso dos peóns. En todo caso, a alcaldesa Digna Rivas considera que “non é de recibo” que por parte do Porto de Vigo non se dera conta do peche ao Concello de Redondela.

O Goberno local lembra que a explanada sobre a que o Concello de Redondela e o Porto de Vigo manteñen posturas enfrontadas en canto ao seu uso, e o principal acceso ao Museo Meirande e, de feito, o único no caso de excursións que teñan unha das súas paradas neste importante recurso turístico-histórico de Redondela.