Sábado, 3 Maio de 2025

A arte mural decorará os as paredes dos edificios do antigo apeadeiro de Chapela ao remate da Vía Verde

A artista Pilar Alonso será a encargada de realizar o mural do maior dos inmobles mentres que as paredes do edificio máis pequeno que dan á Vía Verde serán decoradas polas mozos e mozas do grupo de participación xuvenil e adolescente Axentes do Cambio

O antigo apeadeiro de Chapela, punto final da recen estreada Vía Verde, sendeiro que vén de converterse nun dos lugares de ocio e esparexemento de Chapela por excelencia, cambiará a súa fisonomía ao ver transformadas os muros dos dous edificios existentes en mostras de arte mural.

A alcaldesa Digna Rivas subliñou a necesidade de que a Vía Verde “manteña unha continuidade estética” algo, afirma, “ao que contribuirá o traballo que realizará a artista Pilar Alonso cunha proposta que busca simbolizar a unión de dúas zonas, separadas durante décadas por unha vía ferroviaria que agora convértese en nexo de unión e zona común de convivencia”.

Tal e como explica a alcaldesa de Redondela, un dos muros unirá as artes plásticas e a poesía con poemas en galego “un lugar idóneo para, a través dos selfies, enviar as nosas lembranzas na nosa lingua ás persoas que non poden estar con nós e, dende esa perspectiva, o mural permite levar a Chapela e a Vía Verde a todos os recunchos do mundo”.

O mural recolle tamén, nas súas outras paredes, o espírito de Chapela simbolizado por un elemento, os remos das traíñas, inseparable da propia identidade dunha parroquia que mira ao mar. “Son dous edificios que falan da historia de Redondela e que agora, a través da arte mural, constitúen un atractivo máis que engadir aos moitos con que conta esta parroquia”.

Se Pilar Alonso é a encargada de adobiar a construción máis grande, as rapazas e rapaces do grupo de participación xuvenil Axentes do Cambio serán os que teñan ao seu cargo a decoración da menor das edificacións. Digna Rivas expresou a súa ledicia polo feito “de que foron os propios rapaces e rapazas, nas reunións que manteñen no Consello da Infancia e a Adolescencia de Redondela, os que propuxeron a idea”.

A diversidade baixo o lema xenérico de Amor é amor será o tema central do traballo destes mozos e mozas nunha mostra evidente “do interese da mocidade pola igualdade e a diversidade e o seu rexeitamento contundente a calquera tipo de manifestación discriminatoria” explica a alcaldesa.

As e os compoñentes de Axentes do Cambio comezaban esta mesma semana o seu traballo baixo a dirección de Paula Amoedo, artista plástica redondelá que fixo a súa estrea na denominada arte urbana coa pintura dun ovni nunha das fachadas da Gran Vía de Madrid logo de ser elixida a súa obra no concurso de deseño lanzado pola empresa Tiger.

“Contar para este proxecto que pon en valor o patrimonio de Chapela con dúas mulleres da talla de Pilar Alonso e de Paula Amoedo –afirma Digna Rivas– non só deixa clara a firme aposta do Goberno local pola arte e a cultura, en todas as súas facetas, senón pola igualdade e a muller presentes en todas as actuacións que levamos a cabo”.