Sábado, 3 Maio de 2025

Salvaterra mellorará o campo de fútbol Dextros

O Concello de Salvaterra de Miño vén de recibir unha subvención de 5.000 euros para o financiamento dos gastos de proxectos do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia no ámbito do turismo deportivo sostible.

Deste xeito, faise fronte aos gastos derivados das asistencias técnicas que se contraten para preparar a documentación necesaria para a presentación das solicitudes ao Perte do deporte. Trátase dunha axuda ao abeiro da convocatoria de subvencións para entidades locais de Pontevedra con poboación inferior a 50.000 habitantes.

Precisamente, o Concello de Salvaterra de Miño vén de presentar un proxecto na convocatoria de axudas ao fomento do turismo deportivo sostible financiadas con fondos Next Generation UE do Consello Superior do Deporte para o ano 2023.

Neste proxecto plantéxase unha reforma de 600.000 euros para mellorar as instalacións do Campo de Fútbol Antonio Gándara Bernárdez-Dextros, onde se contemplan diferentes melloras como a de eficiencia enerxética.