Domingo, 4 Maio de 2025

Salvaterra destina máis de 100.000 euros á pavimentación de viais no Polígono Industrial ‘Chan da Ponte’ cunha subvención da Xunta

O Concello de Salvaterra de Miño ven de adxudicar por un importe de máis de 100.000 € a pavimentación de viais no Polígono Industrial Chan da Ponte, adxudicación que conta cunha subvención  concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para melloras de parques industriais.

Con esta acción o Grupo de Goberno  local quere realizar melloras no seu polígono que, a día de hoxe, da traballo a máis de 500 persoas e que necesita unha obra de mellora nos seus viais. Por ese motivo o Concello acolleuse a orde da Xunta para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia  que financiará a obra por un importe de 80.255,85 euros mentres que os restantes 20.063,96 € cofinanciaranse a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O Polígono Industrial de Chan da Ponte, que entrou en funcionamento no ano 1999,  conta con 275.000 metros cadrados de superficie e unha superficie neta industrial de 156.111 m2.  Os viais interiores teñen un nivel de deterioro severo provocado polo intenso tráfico que circula por eles e o paso do tempo.

O proxecto recolle  a pavimentación de varios viais dentro do polígono cunha renovación na rodadura. A actuación principal de pavimentación executarase mediante estendido e compactado dunha capa de rodadura de 5 cm de espesor de mestura bituminosa en quente tipo AC16 Surf 50/70D, ademais fresaranse zonas concretas nas que non se pode subir a cota actual do vial,  1860 m2 de fresado firme e máis de 8.600 m2 de capa de rodadura.