Sábado, 3 Maio de 2025

Salvaterra de Miño, primeiro concello en obter autorización de aproveitamento lúdico da auga

Xustamente a semana a seguir da entrada en vigor da LEI 8/2019 do 23 de decembro de regulación de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, o Concello de Salvaterra de Miño comezaba cos trámites oportunos para acadar a autorización de aproveitamento lúdico do seu Espazo Termal de Teans, Oleiros. A solicitude de autorización foi acompañada dun proxecto xeral de aproveitamento e do estudo xustificativo do perímetro de protección.

Click para ampliar

Foi a comezos do ano 2019 cando Salvaterra inauguraba o seu Espazo Termal logrando atraer a moitos visitantes da provincia e norte de Portugal, contabilizando una media de 200 usuari@s ao día. Por una banda polo privilexiado da súa ubicación e por outra polas características das propias augas, que conteñen un amplo abano de propiedades e que xa dispuñan da Declaración de Augas Termais e Mineromedicinais pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, condición previa para a tramitación do aproveitamento lúdico das augas.

Por mor da COVID 19 e das obras de mellora do recinto, o Espazo Termal foi pechado temporalmente en marzo do ano 2020, coa previsión de remate das mesmas e da nova apertura a finais deste ano 2021, sempre que a situación sanitaria o permita. Estas instalacións contan entre o espazo termal e a zona recreativa, con máis de 17.000 m2, para que as persoas que se acheguen poidan relaxarse e gozar das augas termais e dun lugar tan acolledor como tranquilo.