O Concello de Salvaterra de Miño ven de contratar a instalación dunha plataforma salva escaleiras de cara garantir a accesibilidade á Casa da Cultural ás persoas con mobilidade reducida. A alcaldesa Marta Valcárcel sinalou que non se pode esquecer que o edificio da Casa de Cultura “funciona como centro multiusos onde se realizan numerosas actividades”.
O financiamento da obra faise a través da subvención da Consellería de Presidencia, Administracións e Xustiza para a creación ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalación e equipamentos vinculados á prestación de servicios municipais, ao que se engaden fondos propios do Concello para un importe total de 13.992 €.
Con esta obra o Concello pretende instalar unha plataforma salva escaleiras Nexo–PTC V65 para dotar de accesibilidade a Casa de Cultura e que todas as persoas poidan acceder aos servicios, cursos e dotacións que alí se encontran.
Ao longo do ano son moitas as persoas que se desprazan ata a Casa de Cultura para participar en distintos cursos. Amais, nese edificio atópase a escola de música, a biblioteca municipal e son moitos os grupos de baile e corais que utilizan dita instalación.
“Dada a antigüidade do centro –explica a alcaldesa Marta Valcárcel– faise preciso mellorar o seu equipamento”. Amais, engade a rexedora local, “e coa intención de mellorala accesibilidade preténdese adquirir este salva escaleiras para que tódalas persoas con dificultades de mobilidade poidan acceder a tódalas plantas do edificio sen problema, para conseguir así unha accesibilidade total”.
Esta plataforma estará instalada nun prazo non superior a dous meses e conta cun sistema de tracción mediante piñon cremalleira, brazos de protección, rampas de acceso e plataforma motorizadas, mando de presión, cun ancho de 45 cm e unha capacidade máxima de carga de 250 kg.
Conta con sistemas de seguridade con dispositivos anticolisión e aplastamento, micros de seguridade de final de percorrido, limitador de velocidade, plataforma e rampas de acceso a piso antideslizantes e brazos e bandexas de acceso de plataforma automáticos con bloqueo durante o percorrido.