Sábado, 3 Maio de 2025

Salvaterra de Miño adhírese ao Proxecto Horeca de divulgación, formación e fomento da recollida selectiva municipal

O Concello de Salvaterra de Miño vén de asinar a súa adhesión ao denominado ‘Proxecto Horeca’ unha ferramenta de divulgación, formación e fomento da recollida selectiva. A actividade realizase con fondos compartidos entre a Xunta de Galicia e Ecoembes, e nos que xa participan máis de 100 concellos en Galicia e máis de 2.500 bares e restaurantes, que están potenciando un crecemento importante no contenedor amarelo.

Nestes días, en Salvaterra de Miño, estanse realizando visitas aos establecementos para informar acerca do proxecto e promover a súa incorporación é dicir, captar establecementos que queiran sumarse a iniciativa de Ecoembes e incentivar a reciclaxe.

Ademais, durante as visitas faise un recoñecemento do local coa finalidade de definir os medios que necesitan para a reciclaxe (cubo, papeleira, etc.) e entrégase información en materia de recollida selectiva a través de dípticos e guías de barras.

“Cómpre lembrar que os sectores da hostelería e da restauración xogan un papel importante para seguir incrementando a reciclaxe de envases lixeiros no noso municipio”, lembra a alcaldesa Marta Valcárcel. Precisamente por iso, engade, “a súa colaboración e participación é fundamental á hora de realizar unha correcta separación de envases lixeiros (envases de plástico, briks e envases de aceiro e aluminio)”.

A implicación do sector nesta iniciativa “é primordial para que entre todos sigamos contribuíndo no incremento da reciclaxe de envases lixeiros no municipio e na mellora e conservación do medio ambiente”, conclúe a alcaldesa de Salvaterra de Miño.