Sábado, 3 Maio de 2025

Persoas con discapacidade de Salvaterra de Miño e Baiona, no curso de comunicación en lingua castelá organizado por Cogami

Son 14 persoas nas que se están a formar nun curso que está cofinanciado pola Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.

As instalacións que COGAMI ten en Vigo, rúa Teixugueiras, nº 15 baixo, acollen nestes días un curso AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) de Comunicación en Lingua Castelá N2 no que participan persoas con discapacidade de Baiona, Salvaterra de Miño e Vigo.

Esta formación, que cofinancian a Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, consta de 138 horas lectivas que se imparten ata o día 23 de marzo, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O curso inicia con 14 persoas, 9 mulleres e 5 homes, todas elas con certificado de discapacidade do 33 % como mínimo ou de incapacidade laboral para a profesión habitual.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, rexistrando arestora un total de 3.533 persoas inscritas.