Domingo, 4 Maio de 2025

O Castelo de Dona Urraca adhírese á ‘Rede Nacional de Patrimonio Histórico Castelos e Palacios de España’

O Castelo de Dona Urraca de Salvaterra de Miño vén de ser incluído na ‘Rede Nacional de Patrimonio Histórico, Castelos e Palacios de España’, o que supón un recoñecemento a “un dos espazos que menos alteracións arquitectónicas sufriu co paso dos anos” e “un dos edificios máis representativos da comarca do Condado do Tea”, sinala a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel.

A adhesión do Castelo de Dona Urraca a esta rede contribúe á mantenza viva deste espazo, que forma parte da identidade da vila, dándolle maior visibilidade e desenvolvendo interesantes sinerxías entre administracións públicas e privadas. Na actualidade, o Castelo acolle o Museo da Ciencia do Viño do Condado, un espazo “que rende unha homenaxe ao noso rural e a un produto tan noso como é o viño e a viticultura”, apunta Valcárcel.

A ‘Rede Nacional de Patrimonio Histórico, Castelos e Palacios de España’, que conta co apoio da Secretaría de Estado de Turismo e Turespaña, trae aparelladas interesantes vantaxes coma o recoñecemento nacional e internacional do espazo histórico –e por extensión do destino turístico: Salvaterra de Miño–; a mellora de imaxe e posicionamento de destino; a redución de costes derivados da promoción, comunicación e comercialización ou a súa proxección tanto nacional como internacional.

Spain Heritage Network é a plataforma tecnolóxica da ‘Asociación y Club de produto turístico de Castillos y Palacios de España’. Este club de produto de turismo cultural pretende reunir, nunha mesma rede, aos castelos e palacios máis importantes de España, tanto dende o punto de vista histórico como arquitectónico, para contribuír a súa posta en valor e para a súa difusión e desfrute por parte de todos.

Cada castelo membro da rede, como é o caso do Castelo de Dona Urraca de Salvaterra de Miño, dispón dunha miniweb con toda a información acerca da súa historia, as súas personaxes e a súa oferta turística.