Domingo, 4 Maio de 2025

O BNG denuncia que o Goberno do PP en Salvaterra “exclúe á oposición da loita contra a Covid-19”

O Grupo Municipal do BNG en Salvaterra de Miño denunciou hoxe que “mentres nos Concellos da comarca os Gobernos municipais tiveron claro dende o principio que esta pandemia necesitaba de toda a cidadanía para combatelo, o Partido Popular de Salvaterra de Miño utilizou a situación para tratar de promocionarse e deixar fóra á oposición, aínda sendo consciente que representamos gran parte dos veciños e veciñas deste concello”.

O Bloque sinala que “aínda que na páxina web do Concello figura un slogan que di este virus parámolo unidos, tivo que ser a oposición quen instou á alcaldesa, Marta Valcarcel, para que nos informara das accións que se estaban levando a cabo para xestionar a pandemia a nivel local”. Segundo indican os nacionalistas de Salvaterra, “esta información limitouse a unha chamada telefónica semanal para informar do que xa era público e coñecía toda a veciñanza, polo que a participación foi sempre negada e impedida pola alcaldía dende o inicio da pandemia”.

“Dende o BNG instamos a crear a comisión de traballo para as diferentes Fases da desescalada coa finalidade de participar e aportar propostas para reactivar o comercio local, hostalería, etc. pero a oposición foi excluída en todo momento”, aseguran a formación nacionalista, que recalca que “a actitude do goberno do PP de Salvaterra nada ten que ver con outros concellos da comarca que dende o inicio da pandemia, ademais das comisións de crise creadas, constituíronse comisións de traballo no formato que a oposición solicitaba, como en Ponteareas, onde toda a oposición participa”.

Segundo o BNG, “a esta situación hai que engadirlle que se anularon os Plenos Ordinarios, que é o órgano no que a oposición pode facer a función de control ao goberno, pero que non lle interesa ao Partido Popular”. Así mesmo, o Bloque sinala que “a proba está en que o pasado martes fomos convocados a un Pleno Extraordinario por obrigación segundo marca a lexislación, só para que o PP habilitara máis de un millón de euros para pagar “pufos” de anos atrasados e partida orzamentaria para este ano, xa que o Partido Popular con maioría absoluta non sabe crear uns orzamentos axeitados para Salvaterra. O escurantismo é total”, remarcan os nacionalistas.

“A semana pasada, a oposición conxuntamente tivemos que esixir de novo por escrito os decretos de alcaldía que se viñeron xerando dende o último pleno de xaneiro. Dende o BNG entendemos que estes son tempos de unidade de traballo polo ben da cidadanía e que non atende a cores nen estratexias políticas.”

O BNG remata asegurando que “xa son sabidas as prácticas ás que nos ten acostumados o equipo de goberno do PP, que dende que empezou o estado de alarma volcouse a facer traballos de autopromoción, pondo por diante os seus intereses antes que os dos veciños e veciñas de Salvaterra, xa que non conta con toda a representación social da corporación.”