Martes, 10 Decembro de 2024

Luis Suárez Piñeiro, novo responsable local do BNG de Salvaterra

Con 27 anos toma o relevo de Andrés Martínez, que continuará traballando coa formación nacionalista

O BNG de Salvaterra de Miño vén de elixir en asemblea a Lucas Suárez Piñeiro como novo responsábel local da formación nacionalista. Aos seus 27 anos, Suárez toma o relevo dun histórico do BNG na localidade como é J. Andrés Martínez Alonso, que continuará formando parte activamente do Bloque. Lucas Suárez sinalou que afronta esta nova responsabilidade “con ilusión e ganas de traballar no proxecto do BNG, pensando sempre no beneficio das veciñas e veciños de Salvaterra de Miño”.

Dende o Bloque indican que “xunto con outros mozos e mozas da localidade, Suárez sumouse o ano pasado ao proxecto do BNG”. Ao entender do novo responsable nacionalista, “o BNG é a fronte política que mellor representa e defende os intereses da sociedade galega, e onde se pode atopar a diversidade e pluralidade de ideas que a conforma como Bloque”.

Nestas pasadas eleccións municipais, Suárez formou parte do primeiro tramo da candidatura nacionalista, entrando de cheo na actividade política municipal. Cun Grao en Xeografía e Historia, Lucas Suárez inicia agora a coordinación e responsabilidade do grupo local, e por extensión formará parte do Consello Comarcal do BNG representando a localidade.

Segundo sinalou a asemblea do Bloque, “a mocidade que representa Lucas pon de manifesto que a xente nova sigue sumando no BNG e que son o futuro para que o proxecto da fronte nacionalista siga a medrar cada día, acadando as competencias e autodeterminación que nos falta para medrar como país e de cara a unha República Galega”.