Domingo, 4 Maio de 2025

Finalizan en Salvaterra o campus de conciliación e os cursos de natación

Chega o momento de despedir o mes de agosto e con el as actividades e programas de conciliación que ofertou o Concello de Salvaterra de Miño durante os meses do verán. Este xoves 31 de agosto despediron aos máis de 360 nenos que participaron no campus de conciliación e nos cursos de natación. Con hinchables de auga e xogos moi divertidos fixeron unha festa de despedida no campus e nos cursos de natación remataron coa tradicional entrega de diplomas, un recoñecemento ao obxetivo cumprido coa cor correspondente que lles outorga o nivel acadado.

O campus de verán, organizado polo Concello de Salvaterra de Miño e cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, comezou o pasado 3 de xullo no CEIP Infante Felipe e súmase aos programas de conciliación para as familias. En total tivo catro quincenas nas que asistiron en total máis de 200 nenos e nas que tamén se incluía a aula madruga e comedor.

En canto aos cursos de natación, impartidos pola Asociación ADA na Piscina Municipal da Canuda, foron preto de 160 alumnos que dividos en dúas quendas (unha en xullo e outra en agosto) melloraron as súas habilidades no medio acuático mentres desfrutaban de xogos.

As vacacións do verán supoñen para moitas familias unha gran dificultade para conciliar a vida laboral e familiar. É por iso que o Concello de Salvaterra de Miño, como ven facendo durante xa varios anos, realiza este tipo de actividades dentro do seu programa de conciliación.