Martes, 11 Febreiro de 2025

Concello de Salvaterra e Confraría do Viño do Condado do Teapresentan as actividades formativas para este outono

Dende a súa apertura no mes de Febreiro do ano 2019 o Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea, situado dentro do Castelo de Dona Urraca no municipio de Salvaterra de Miño, está sendo todo un referente cultural sobre a vitivinicultura e enoloxía en España. O Concello de Salvaterra de Miño e a Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos, animados pola acollida e participación de edicións anteriores, presentan unha variada oferta de cursos relacionados co mundo do viño para o outono de 2021, un proxecto ambicioso en canto a volume e calidade de actividades programadas.

Os cursos están dirixidos tanto a afeccionados ó mundo do viño en xeral coma a todos aqueles profesionais que realizan as súas funcións en bodega, hostalaría, enoturismo ou distribución que desexen ofrecer un óptimo servizo ós clientes a través dun mellor coñecemento da cultura do viño.

Estes cursos están impartidos por Jorge Vila, un formador homologado con ampla experiencia como docente e un profundo coñecemento do mundo do viño.

As devanditas accións formativas combinan ideas teóricas con catas dinámicas prácticas, de maneira que o seu seguimento resulta sinxelo e ameno.

Así, a través destas accións formativas, sen coñecementos previos e en moi pouco tempo, conseguimos entender moito mellor o viño e aprender a aprecialo. O programa expón as principais claves para gozar do viño, aplicándoas ós viños tanto da comunidade autónoma de Galicia coma das principais rexións vitícolas europeas (España, Portugal, Francia e Italia).

  • Curso: Iniciación á Cultura do Viño
    • 2 sesións, 3horas cada unha. 13 e 20 de outubro de 2021. (mércores)
    • *12 viños a catar
    • Matrícula 50 € IVE incluído
  • Curso: Viños de Galicia e Portugal
    • 2 sesións, 3horas cada unha. 8 e 15 de novembro de 2021. (luns)
    • *12 viños a catar
    • Matrícula 60 € IVE incluído
  • Curso: Os grandes clásicos: España, Francia e Italia
    • 2 sesións, 3horas cada unha. 29 de novembro e 13 de decembro de 2021. (luns)
    • *12 viños a catar
    • Matrícula 60 € IVE incluído
  • Curso: WSET CUALIFICACIÓN DE NIVEL 1 EN VIÑOS
    • 1 sesión de 8 horas. Primeiro semestre de 2022.
    • *9 viños a catar
    • Matrícula 195 € IVE incluído
  • Curso: WSET CUALIFICACIÓN DE NIVEL 2 EN VIÑOS
    • 2 sesións de 17 horas total. Primeiro semestre de 2022.
    • *43 viños a catar
    • Matrícula 595 € IVE incluído

As actividades desenvolveranse de xeito presencial na Casa do Conde, edificio histórico que forma parte das instalacións do Museo da Ciencia do Viño, cumprindo coas normas seguridade e hixiene imperantes.

Os alumnos recibirán, ó remate do curso un diploma acreditativo. As inscricións poderán facerse a través do enderezo electrónico: [email protected] ou ben vía telefónica no 617.14.88.66. As prazas son limitadas.